Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cousas da capela da Grela de Codeseda

O deseño da coroa da imaxe da Virxe de Guadalupe que sae en procesión foi obra de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo

Bosquexo de Díaz Baliño que ilustra un verso de Cabada Vázquez.

Os roubos nas igrexas son nos últimos tempos noticia moi habitual, o que supón unha perda de patrimonio non só para o párroco senón tamén para todos os veciños. Mesmo ás veces o roubo dunha imaxe pode levar á desaparición do culto nunha ermida, como ten pasado por exemplo na ermida do Pego de Folgoso en Terra de Montes.

Pero xa en séculos pasados, nos que a relixiosidade da xente era máis manifesta, se daban casos de roubo nas igrexas. Na capela da Virxe de Guadalupe na Grela (Codeseda) roubaron o 17 de decembro de 1797 unha lámpada de prata que fora doada como ofrenda por un veciño da parroquia de Moraña oito anos antes. Don Antonio de Soto, que así se chamaba o devoto veciño, entregara una lámpada de 465 onzas de peso toda de prata, por un voto que fixo o 7 de setembro de 1770 "por hallarme en un riesgo de perder la vida en la mar navegando para Indias en dicho día, y en la fragata nombrada de Nónima Derecha, con el más de quinientos hombres; y tal fue el riesgo que el barco o fragata dicha se recostó para sumergirse cinco minutos por la gran tempestad que entonces había, y entonces hizo la oferta de dicha alhaja, con tal que la Madre de Dios le librase de aquel peligro, que al instante se sedó la tempestad, y el barco en viaje", segundo lemos no "Libro de fábrica" da capela.

En dito libro tamén nos dá conta doutras cousas. Foi a familia Cabada quen fundou no ano 1748 unha pequena capela, e poñendo nela a actual imaxe da Virxe de Guadalupe. Porén o cura, vendo que dita familia non cumpría con todas as obrigacións, deixa escrita a súa crítica aos padroeiros: "Don Domingo Cabada costeo sólo la imagen por el beneficio de tener capilla para decir misa junto a su casa". Pero foron tantos e tan importantes os donativos recollidos, que poucos anos despois se erguía o actual santuario.

Nas contas da Confraría de dita capela xustifícase que en 1850 se procedeu a "recomponer y pintar la Virgen en Santiago por 160 reales" e ademáis mercouse unha campá de 23 arrobas a Don Antonio Blanco por 1.638 reais.

Na capela existen dúas representacións da Virxe de Guadalupe. Unha é o relevo do retablo, que fai referencia á Virxe de Guadalupe mexicana xa que representa a aparición da Virxe ao indio Juan Diego, mentres que a outra é unha imaxe exenta -a que se saca en procesión-, que representa a María coroada como raíña dos ceos co seu fillo no colo, ao xeito da Virxe estremeña, e sobre unhas nubes con dous anxos, que evocan as imaxes da Purísima Concepción, da que é debedora esta advocación.

Porta a Virxe unha coroa labrada en prata como raíña do ceo, decorada con flores de lis, floróns, pedras preciosas, etc., motivos que se utilizan nos brasóns dos reis e raíñas do mundo terreal. O deseño data do ano 1929 e foi obra de Camilo Díaz Baliño, o pai de Isaac Díaz Pardo, segundo nos conta Manuel Cabada Castro nun artigo publicado na "Miscelánea Cultural de A Estrada": "atópase, ademais entre os papeis de Cabada Vázquez un bosquexo de Díaz Baliño para unha coroa da Virxe da Grela, lugar pertencente a Codeseda, parroquia natal de Cabada Vázquez. Baixo o bosquexo lese o seguinte texto:

"Coroa real galega para a Nosa Señora da Grela.

Este dibuxo está basado na coroa de un escudo dun pendón de unha alarma, pol-o tanto é enteiramente galego e netamente patriótico.

Ninguén que non sexa a Virgen da Grela, poderá usar esta coroa pois a ela vai adicado este dibuxo. Camilo Díaz Baliño."

Aínda que nos dispoñemos polo momento do bosquexo orixinal, os debuxos que aparecen no Vagalumes, libro de versos galegos do noso admirado José Manuel Cabada Vázquez, son de Camilo Díaz Baliño, e nun deses debuxos aparece a Virxe da Grela cunha coroa semellante ao do bosquexo, ilustrando un verso que o noso brado dedicou a Virxe da Grela.

O deseño móntase a partir dun círculo de prata enriquecido con relevos a modo de pedrería, imitando a catro rubís tallados en ovalo, intercalados de catro esmeraldas talladas en rombo, e entre cada pedra, unha perla, cun total de oito perlas. Sobre este círculo outro recuberto dunha rama de palma, do que arrancan catro flores de lis, adornadas de dúas follas de carballo, unha a cada lado, intercaladas de follas de acanto. Das flores de lis, saen catro diademas, cada unha cun florón cunha perla no centro, que converxen na parte superior da coroa con catro follas de acanto que sosteñen un orbe -a Virxe é raíña do mundo-, timbrado dunha cruz trevoada.

Compartir el artículo

stats