Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A primeira guerra carlista en Deza (e X)

A traxedia do exército liberal en Dozón

Un dos maiores contratempos do exército liberal en Galicia foi a desfeita sufrida en xuño de 1839, poucos meses antes da finalización da guerra, a mans da facción liderada polo cabecilla Fernando Gómez 'O Ebanista'

Cruceiro de Cadaval, en Dozón, levantado na honra dos soldados liberais falecidos. A caveira sinala o lugar no que foron executados polos facciosos.

Fernando Gómez O Ebanista caracterizábase pola súa negativa total a calquera entendemento ou negociación cos liberais e por avogar por unha organización máis poderosa da súa facción que lle permitise facerlle fronte con garantías a encontros casuais co exército, algo do que carecían a maioría das outras faccións que se limitaban a facer pequenas escaramuzas e liscaban tan pronto tiñan constancia da aproximación do inimigo. Por este motivo, tentou crear un exército numeroso que chegou contar en momentos puntuais con case trescentos homes, razón que explica que a acción bélica que comentamos sexa desenvolvida por un importante continxente de facciosos, neste caso, en número aproximado de cen, cincuenta de cabalería e outros tantos de infantería.

A súa presenza na comarca, fóra do seu ámbito anterior de actuación, débese a que por motivos organizativos O Ebanista despraza en 1839 o centro das súas operacións ao límite das provincias de Pontevedra e Lugo, ao acubillo das ladeiras do Faro, coa intitulación de comandante do partido de Camba e Amarante. O obxectivo non era outro que dotar a zona dunha maior actividade guerrilleira, moi minguada desde a morte do cabecilla Sarmiento en 1837.

Esta acción de Castro Dozón, terriblemente cruel e violenta, énos coñecida con detalle a través da versión publicada por Francisco Quecedo entre 1934-1935 no Boletín da Real Academia Galega (núms. 253-260) do Diario histórico del Regimiento Provincial de Monterrey contra los carlistas en Galicia [1833-1840] e na súa versión ampliada nun proceso conservado no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela e instruído polo exército liberal para esclarecer os feitos acaecidos e determinar as responsabilidades pertinentes. O diario do rexemento de Monterrei, que se encargou de xeito preferente da organización das columnas militares dezás e de nutrir de soldados estes destacamentos, conta deste xeito o acontecido:

"La partida que se hallaba en el Carballino, compuesta de 26 hombres al mando del sargento segundo de la primera Juan Méndez, salió a recorrer los pueblos del distrito el día 14 de junio de orden del comandante militar de aquel punto y el 16 a cosa de las 11 del día tuvo noticia en el pueblo de la Gouxa, que la facción marchaba a su frente, pero nadie le decía el número de la fuerza de que se componía, y al llegar a Castro Dozón se encontró con parte de ella que estaban a la puerta del cura, a quién no tituveó en atacar, a pesar de ser doble fuerza, en cuya refriega pudo lograr la muerte de uno; pero habiendo sido reforzados, por toda la canalla que mandaba el cabecilla don Fernando Gómez, alias Ebanista, consistentes en más de 50 caballos y otros tantos infantes, tuvo que ceder no permitiéndole las circunstancias más tiempo que el de enterrarse en un dévil edificio que aspillerado del modo más posible, lo puso en estado de resistirse algún tiempo; visto por los facciosos la imposibilidad de entrarles, tomaron el medio de incendiarlo, lo que efectuaron al momento, por ser de paja y la estación favorable para reducirlo a cenizas, quedando herido un faccioso. Este echo y el inmenso humo que le imposibilitaban la defensa, hizo que el sargento animase a los soldados para salir al campo, lo que verificaron; pero embueltos por aquella turba fue muerto dicho sargento gloriosamente, con otro soldado en la salida, después de haberlo hecho a un faccioso que le disputaba el paso, y los restantes fueron hechos prisioneros. Necesario es tener corazón fuerte para referir las atrocidades cometidas en aquellos catorce valientes que tuvieron la desgracia de caer en sus manos, pero para que queda una memoria eterna en los anales de la historia, se demostrarán según aparecen del espediente instruído de orden del excelentísimo señor capitán general, para oprobio de semejantes caribes: sucumbieron los infelices soldados y atados dos a dos, los llevaron a un campo inmediato, y acto continuo, sin miramiento a la religión que propalan y desconocen, por principios le hicieron una descarga y después fueron alanceteados inumanamente pasando y repasando en seguida la caballería por dos veces sobre sus despedazados cadáveres, dejándolos en este estado hasta que dos horas después llegó una columna que venía en su socorro y dispuso se le diese sepultura, y entre ellos estaban tres vivos que uno falleció a los pocos días, otro que aún vive felizmente pero estropeado, y el otro ileso aunque pisoteado de los caballos. El resultado fue que de este desgraciado encuentro sucumbió el sargento y 14 soldados, y los restantes se han salvado por no haber entrado en la casa cuyo cebo detuvo a los foragidos y dejó libres en medio de aquellas malezas, uniéndose a la columna que venía en su socorro y no pudo llegar a tiempo por estar a tres leguas de distancia".

Mala sorte tiveron estes soldados dos destacamentos de Carballiño e Boborás que viñeron a Dozón por ter noticias da presenza facciosa nos seus montes sen coñecer o alcance do inimigo. E peor destino lles agardaba por ser guiados polo sarxento segundo Juan Méndez, mando inexperto e pouco prudente que nun alarde de heroicidade e inconsciencia a partes iguais tentou distinguirse na acción desarmando a potente facción do Ebanista cos escasos efectivos ao seu mando, sen agardar por reforzos. Deste xeito, solicita o auditor de guerra encargado de ditaminar o proceso que sexa sobreseído, xa que "proseguir las actuaciones que acompañan este oficio, fuera de todo punto inútil pues que la verdad legal está bien conocida. El auditor no halla delito que castigar, nota sí hubo de parte de la fuerza destrozada por los rebeldes en Castro Dozón un arrojo más digno de otra suerte que de ser imitado en iguales circunstancias; que es la prudencia la cualidad más estimable tanto en la bizarría personal cuanto en el valor directivo".

En todo caso, a traxedia puido ser aínda peor posto que os soldados que quedaron descolgados no ataque primeiro aos facciosos e non conseguiron refuxiarse na casa incendiada salvaron a súa vida ao librarse da rateira na que aquela se converteu, podendo fuxir chimpándose entre penedos, saltando valados, escondéndose entre o froito das leiras e correndo polas corredoiras.

A listaxe dos individuos que faleceron ou foron feridos nesta acción é a seguinte: Quince mortos, o sarxento segundo Juan Méndez e os soldados Santiago Ramos, Manuel Arias, Manuel Mosquera, José Garrido, José Lores, José García Pérez, José Pérez, José Rodríguez, José Pérez Arias, Francisco Lorenzo, Felipe Pérez, Antonio Alonso, José Fuentes e o soldado Pedro Piñeiro, falecido aos poucos días da acción bélica como consecuencia dos golpes sufridos; un ferido, o soldado Pedro Erbella; e un contuso, o soldado Juan Ares.

Cabe sinalar que a facción do Ebanista, que lle ofreceu infrutuosamente aos soldados salvar a súa vida en caso de unírense a eles, escapou cara a Lagoa do Cepo, nas proximidades da Rocha, antes de que chegasen os reforzos liberais, e a continuación seguramente marcharía cara a provincia luguesa polo camiño real que atravesaba Rañestras e Carboentes. En todo caso, a súa facción pouco tempo máis estaría en activo posto que sufriu importantes baixas nos seus posteriores encontros cos liberais e moitos dos seus homes acolléronse a indulto, polo que pouco a pouco foi desfeita e liquidada.

A principal acometida sufrida por esta partida sería a do día 10 de novembro cando a columna de Chantada, ao mando do teniente José Bofart, alcanzou a facción nos montes de Loureiro (Carballedo, Lugo) e provocoulle un importante número de baixas, especialmente significativas entre os mandos. Nesta acción, o mesmo Ebanista resultou ferido e o seu segundo, o capitán Manuel Quintela, encargado do partido de Camba e Taboada, morto.

Así mesmo, hai que dicir que a acción de Castro Dozón tivo gran repercusión entre os partidarios do bando lexitimista e así foi posta polo historiador Melchor Ferrer como o exemplo máis xenuíno de que a chama da causa carlista aínda estaba acesa a mediados do ano 1839 en Galicia.

Para conmemorar este acontecemento, os veciños de Cadaval, lugar onde tivo lugar o axustizamento dos soldados, levantaron un cruceiro sinxelo, ao que lle dedicou Otero Pedrayo un artigo publicado na prensa en 1928. A versión dos feitos que recolle este autor responde en esencia ao recordo conservado na memoria colectiva dos paisanos a esa altura cronolóxica, un tanto idealizada mais axustada, nas súas liñas básicas, coa realidade dos sucesos.

stylename="070_TXT_inf_01">litolalin2001@yahoo.es

Compartir el artículo

stats