27 de julio de 2014
27.07.2014

Un esmolante en cuxas barbas fixeran as abellas panal exhibía o prodixio en feiras espelindo a caridade da xente

27.07.2014 | 01:38

Chegoulle a quenda á terceira das mulleres que non dubidou en asociar a tenia e o veto coa debilidade, co atraso, coa falta de puntos de luz..., non obstante, grazas ao seu "descrido" testemuño souben da historia do esmolante barbuzán, "un pobre dos de todo ao saco", en cuxas longas barbas ensortelladas fixeran as abellas panal.

O vagabundo exhibía por feiras e festas o prodixio, espelindo a caridade da xente e trocando nas tabernas os favos rebordantes de mel por cuncas de viño.

Segundo a súa clientela, o mel do Abelleiro era moi saboroso, pois, os laboriosos insectos, amais do néctar das flores, libaban das xurreiras de tinto que escorregaban polo pelame abaixo.

Virou a sorte do noso personaxe cando, uns rufiáns de camisa azul, por botar unhas risas, lle prenderon lume á poboada barbadela, aproveitando que o Abelleiro durmía unha sobredose de caíño.

Grazas a aquela muller tamén coñecín o caso dun paisano da Estrada ao que se lle introducira un cempés polos buracos do nariz. A escolopendra fixo toqueira ao quente das entrañas. Durante o inverno, o inquilino apenas daba sinais de vida, mais, no verán, coa calor, o becho rebulía, percorrendo día e noite a lentura do seu acubillo. O proído era insoportábel.

Adoecido, agardou que o quilópodo avantase pola tona do antebrazo e, a piques de acadar o pulso, chapodou a man para librarse de vez daquel martirio.

E sen tregua, o caso da muller á que se lle formou un "vérragho" no papo da perna (doenza común do gando mal alimentado). Malia os emplastos e cataplasmas, o furuncho atinxiu as proporcións dun ovo de galiña. Cando madureceu, regañou e deu de si un verme amarelento do tamaño do polgar.

Por hoxe abonda, escuso amentar os carrachos. Despois dirán que o labor do etnógrafo é unha bicoca.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia