O Castro Pequeno está situado entre o concello lucense de Antas de Ulla e o pontevedrés de Rodeiro, é dicir, no límite das provincias de Lugo e Pontevedra. É un castro que destaca polo seu emprazamento nun lugar considerablemente elevado e, xuntamente co seu veciño o castro de Pena Grande e o cercano castro de Cantelle, acadan unha altitude aproximada de 900 metros, establecendo o récord de altura dos castros da Comarca de Deza. Este aspecto ven condicionado pola súa ubicación nas Serras Centro Occidentais Galegas ou, simplemente, Dorsal Galega, no tramo comprendido entre a Serra do Faro, onde se acada o teito deste conxunto de montes e a Serra do Farelo, situada máis ao norte.

Este castro, pola súa posición xeográfica queda entre a cunca alta do río Ulla, cara onde verten as augas da ladeira norte e a cunca do río Arnego, que recolle o escoamento da ladeira sur. A súa ubicación nunha elevada divisoria hidrográfica fai que pareza máis ben un lugar de refuxio, ca un verdadeiro asentamento castrexo de carácter permanente, pero as súas complexas estructuras defensivas evidencian que neste lugar houbo unha ocupación do espazo por moito tempo. As razóns desa ocupación non se corresponden cos criterios comunmente establecidos para a maioría dos asentamentos castrexos, que tiñan como base fundamental a agricultura e a gandería.

Conxunto elevado

O Castro Pequeno ten como veciño ao Castro de Pena Grande, situado ao NNO e do que dista uns 225 metros desde o centro das súas respectivas croas, pero esta distancia é de apenas 100 metros, se medimos desde as estructuras externas de cada un deles. Máis aínda, é posible que foran un só castro formado por dous núcleos unidos por algunha gabia envolvente que desapareceu co paso do tempo. Todo isto é importante porque a súa proximidade pode dar lugar a múltiples interpretacións acerca das relacións que pudo haber entre ámbolos dous, se é que foron coetáneos (vecindade no tempo).

Unha circunstancia que ten chamado a atención, segundo se indicou atrás, é a súa ubicación nunha área "anecúmene", é decir, nunha zona desahabitada, tanto durante a etapa da cultura castrexa como na actualidade. Na época castrexa, a excepción dos castros de Pena Grande, Pequeno e Cantelle, que se situaban en torno aos 900 metros de altura, os restantes estaban a niveis bastante inferiores: Castro de Areas (680 m), Castro de A Somoza (789 m), Castro de Amoexa (684 m), estes no Concello de Antas de Ulla, mentres que no de Rodeiro tan só atopamos o Castro de Melide ou Castrillón (740 m). En canto ás aldeas tamén sucede algo semellante, raramente superan a cota dos 700 metros na ladeira Norte (Concello de Antas de Ulla), mentres na ladeira sur (Concello de Rodeiro) poden chegar aos 800 metros (Cantelle, Espasante e Saborín).

Todo isto ven a indicarnos que o factor orientación resulta determinante á hora de situar os asentamentos. Os que están orientados cara o sur ou ladeira de solaina van a recibir máis luz e calor, mentres que os orientados ao Norte, ladeira umbría, van a ser máis fríos e con menor luminosidde. Resulta evidente que que entre os concellos de Rodeiro e Antas de Ulla, tanto os asentamentos castrexos como as aldeas, situados aos dous lados da Dorsal Galega, están ubicados á diferente altura, acadando unha elevación bastante maior no lado sur (Rodeiro). Sen embargo estas circunstancias non son suficientes para explicar a extraordinaria altura que acadan os castros rodeirenses de Castro de Pena Garnde, Castro Pequeno e Castro de Cantelle, os tres aproximadamente a 900 metros sobre o nivel do mar. Ten que haber algunha outra razón que explique este anormal fenómeno de habitabilidade. A zona dos castros un lugar de paso.

Se observamos o trazado das vías de comunicación que atravesan a Dorsal Galega por esta zona, enseguida nos decatamos da existancia de dous "portos" ao sur e norte de Coto Redondo, que é o monte onde se localizan este dous castros xemelgos (Castro de Pena Grande e Castro Pequeno). Ao norte de Coto Redondo está o "porto de As Somozas", por onde estaba trazado o antigo camiño entre Camba e Antas de Ulla e o mesmo volver a suceder ao sur, onde aparece o "porto de O Salto", que comunica Camba con Antas. Estes dous "portos" son o mellor sitio para atravesar a Dorsal Galega pasando da Galicia Costeira á Galicia Interior. Tendo en conta que os castros referidos se atopan no alto de Coto Redondo, cabe pensar que no pasado tiveron unha posición estratéxica porque controlaban dúas importantes vías de comunicación de dirección oeste-leste.

A importancia estratéxica, que seguramente tiveron estes castros na súa época, non queda testemuñada con restos arqueolóxicos evidentes nin con datos históricos transmitidos de forma escrita, aínda que foran de procedencia oral, pero a finais do ano 2012, ca recén estrenada desbrozadora do Concello de Rodeiro procedeuse a limpar os toxos que cubrían o Castro Pequeno, deixando ao descuberto as súas excelentes defensas internas. Con este desbroce feito sobre a croa do castro puideron apreciarse varios aspectos ou elementos relacionados co seu estado, que estiveran ocultados anteriormente polo tupido manto vexetal. Entre eles cabe destacar: a súa forte muralla, a incorporación das rochas ás estructuras defensivas, a utilización da croa como lugar para desfacerse de vacas mortas, os buratos abertos polos buscatesouros e a existencia dun inédito petróglifo.

Petróglifo

1- A forte muralla. A croa de Castro Pequeno estivo rodeada por unha muralla posiblemente pétrea e da que, na actualidade, se observan derrumbes cara adentro e polo exterior. Na década dos anos 1930 os veciños do contorno desfixeron parte desa muralla e levaron a pedra para diversas construccións rústicas.

2- Incorporación de rochas ás estructuras defensivas. A muralla era unha estructura de protección castrexa interna, que envolvía a croa pero, en determinados puntos, encotaba no rochedo que había no monte. As rochas graníticas ou metamórficas, que hai en determinados puntos do castro, serven de elemento defensivo natural.

3- Utilización da croa como lugar para desfacerse de vacas mortas. Na década dos anos 70-80 os veciños das parroquias cercanas empregaron o recinto castrexo como lugar aillado para depositar vacas mortas e, por iso, se atopan sobre a croa restos de ósos de animais (vacas, becerros e porcos). As vacas eran posteriormente devoradas polos lobos e outros animais salvaxes segundo informaron os veciños ("... as vacas mortas e outos animais levábanse ao castro, porque era un lugar apartado e alí non molestaban a ninguén. Logo viñan os lobos e non quedaba nada delas.")

4- Os buratos abertos polos buscatesouros. O concello de Rodeiro foi un dos máis castigados polos buscadores de tesouros, por iso, en tódolos xacementos arqueolóxicos quedan buratos abertos, que testemuñan a súa visita. No Castro Pequeno tamén se observan algúns buratos abertos na década dos anos 80 por estes incansables expoliadores do Patrimonio.

5- A existencia dun inédito petróglifo. Tralos traballos de desbroce a finais de 2012, púxose ao descuberto un interesante petróglifo formado por tres ou catro "cazoliñas" marcadas sobre un penedo rasante que hai no interior da croa.

Os petróglifos ou "pedras riscadas", segundo a terminoloxía popular na nosa zona, son esencialmente anteriores á época da Cultura Castrexa.

O petróglifo descuberto sobre este castro, posiblemente non teña nada que ver co mesmo posto que xa existiría alí no momento en que se levantaron as estucturas castrexas. En todo caso, haberá que buscarlle relación cos outros petróglifos que se atopan arredor do Monte Farelo e tamén cos petróglifos inéditos do Campo da Lucencia, sitio localizado ao NNO do castro de Cantelle.