29 de octubre de 2012
29.10.2012

Da Santa Lucía ao castro das Cercas

A ermida dátase no século XVIII e aféase na actualidade cun soportal arcado construido con bloque recebado

29.10.2012 | 10:15
Conxunto e entorno da ermida de Santa Lucía, en Figueiroa.

Os pasos de Capitán Gosende chegan desta volta ata a ermida de Santa Lucía, na freguesía cerdedense de Figueiroa, a medio camiño entre Vilar e Loureiro. O cartel sinalador reza que é este un templo do século XVIII. O edificio aféase na actualidade cun soportal arcado, construído en bloque recebado. Amais de aldraxar a capela, pon en perigo a integridade física, e tamén a psíquica, dos visitantes, pois a profusión de gretas e o seu apontamento advierten a posibilidade de que a estrutura se veña abaixo. Coa intención de gañar espazo, a arquitectura foi noutrora modificada.

A ermida da Santa Lucía, aconchegada nunha valiña da freguesía cerdedense de Figueiroa (a medio camiño entre as aldeas de Vilar e Loureiro), é un templo do século XVIII, consonte reza un estafermo sinalador.

O edificio de planta rectangular, paredes de boa cachotaría e cuberta a dúas augas, aféase, na actualidade, cun soportal arcado, tamén a dúas augas, que prolonga a construción cara ao poñente.

O soportal, construído con bloque recebado, amais de aldraxar a capela, pon en perigo a integridade física -tamén a psíquica- dos visitantes, pois a profusión de gretas e o seu apontoamento advirten que a estrutura pode vir abaixo nun dicir amén.

Se reparamos na capela polo miúdo, concluímos que, en orixe, o edificio atinxía unha superficie de menores dimensións. Na parede norte albíscase un arco de pedra, cegado tamén con bloque e recebo. Na parede oeste, baixo a espadana, obstruíuse con pedra outro arco da fábrica orixinal, agás o van da porta, de lintel recto.

É xa que logo incuestionábel que, coa intención de gañar espazo interior, a arquitectura foi, noutrora, modificada, tentando reproducir con materiais modernos o deseño primixenio: capela de planta rectangular; porta orientada cara ao oeste, precedida dun soportal de dúas luces (oeste e norte) e unha parede cega (sur); cuberta a dúas augas e espadana simple. Xa non só por seguranza, senón por estética, cumpriría devolverlle á ermida da Santa Lucía a súa fasquía primeira.

Non nos convence a datación do edificio (séc. XVIII), posto que, embutida na parede que atoa o arco frontal, sobre a porta, pódese admirar unha imaxe en pedra dunha Virxe sedente, coroada, termando do Crucificado. O hieratismo da escultura transpórtanos indefectibelmente ao medievo.

Ou ben a talla se custodiaba no interior do templo primitivo (advocación orixinaria?), ou ben pousaba enriba do cargadoiro da antiga porta, até a súa moderna remodelación. Sexa como for, o seu feitío lémbranos unha románica "Theotókos", unha Virxe Deípara -segundo as conclusións do Concilio de Éfeso (século V)- porén, singularmente, María ("Maiestas Mariae"), entronizada e trono, terma do seu fillo inerte, cravado no madeiro. Naquel intre, lembrei os versos dun cantar de Reis escoitado á señora Manuela Cortizo: "Hijo mío tan amado, la muerte se te ordena; has de ser crucificado en una cruz de madera..."

A escasos metros cara ao poñente, no medio da carballeira, campa o cruceiro da Santa Lucía. A escultura érguese sobre un pedestal cúbico, asoballado por unha rotonda asfaltada. Malia que acéfala, no varal distínguese a imaxe dun "poverello" san Francisco. No anverso da fermosa cruz, fincada na bóla do orbe, expira Cristo crucificado (pernas cambadas e caneleiras); no reverso, súa Nai, orante. A cruz, eixo do mundo.

Abandonamos a umbría amenidade da Santa Lucía e, tencionando acadar as ramplas do castro das Cercas, dirixímonos cara a veciña parroquia de Parada.

Fixemos relanzo na aldea do Milladoiro, pois conviña documentar a existencia doutro cruceiro adobiado co orbe. Consonte referiu Xosé Carballo, compañeiro nesta nova expedición dos Capitán Gosende, en todo o Concello de Cerdedo só un par de cruceiros escolleron o globo terráqueo para fincar a súa cruz: o dito cruceiro da Santa Lucía e o que se ergue encol dun valado á entrada do lugar do Milladoiro. Apenas 2'5 km, en liña recta, afastan as dúas esculturas, obra, quizais, do mesmo canteiro.

Deixamos o Milladoiro atrás e chegamos á aldea da Mouteira. Como se acordara, visitamos o Coto da Mouteira, ao nordés do poboado, unha curiosa elevación do terreo (forte pendente cara ao oeste), oculta no seo dunha mesta carballeira nova. Alí comprobamos como o sedimento vexetal cubrira derrubados valos de deslinde (construídos con grandes e aliñadas follas de xisto) e o maxín levoume cara ás "pedras guiadas" do Seixo. Que se agochará baixo o groso manto do Coto da Mouteira?

Enredados nas elucubracións, descemos lixeiros cara ao leste na procura do camiño vereeiro, rota de arrieiros. Xa no carreiro, pé sobre lousa, inzo de amanitas e fungos rubicundos, enfilamos cara o fondal do Lérez, auga lizgaira e ruxidora.

Atravesamos pola medieval e monócula ponte de Parada (eivada con outro deses horrendos sinaladores). O fuste do cruceiro que complementaba a voante arquitectura gárdase na igrexa parroquial (ubicuo san Francisco). Tras a ponte, á esquerda, no alancar duns peares, acadamos por fin o cruzamento dos ríos da Freixeira e Lérez, insua de muíños folgados.

Mesmo na embocadura, en caótica sintonía, amoréanse os penoucos do chamado Cortello das Cabras, abrigadoiro rupestre, resío milenario do castro das Cercas. A rocha meirande semella a proa dunha mítica embarcación, varada na arnela do tempo.

Veuse a noite. A lanterna do minguante devolveunos ampeantes, mais oufanos, ao casar de Parada. Nunha peaña da casa dos Nogueira, un santo Antonio, cuspidiño ao da reitoral de Cerdedo, chiscounos o ollo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia