Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galeóns e dornas volven ás augas do mar de Arousa

A Illa festexa mañá o Día das Letras Galegas coa presenza de gran parte da frota tradicional no peirao do Xufre

Botadura dunha dorna durante o "Bautismo de mar" do Día das Letras Galegas. // Noé Parga

As dornas e galeóns da Illa regresan mañá ao mar da Arousa. Cada Día das Letras Galegas os colectivos que defenden a navegación tradicional concéntranse no peirao do Xufre para participar nun acto de homenaxe á cultura galega e, case todos os anos, botar ao mar unha nova embarcación, no que se coñece como "Bautismo de Mar". Este ano non haberá botadura de ningunha nova dorna, deixando á "Daniela", unha que se recuperou o ano pasado, como a última que bicou por primeira vez o mar de Arousa.

Esa circunstancia non vai impedir que a navegación tradicional se bote ao mar, e farao coas embarcacións máis senlleiras, as de gran porte, a frota de galeóns máis importante que existe na ría de Arousa. Aos "Rei do Mar", "Komaira" e "Presioso" vaise unir o "Chasula" con base no Grove, así como outras embarcacións de menor porte, como a dorna de tope "Peza de Rabo", a xeiteiro "Nova marina" ou dúas dornas polbeiras.

Salvador Allo, responsable da asociación cultural e deportiva Dorna da Illa recoñecía onte que "a data do 17 de maio é moi sinalada para nós, pois ademais de lembrar a importancia que ten a nosa cultura, tamén festexamos que a navegación tradicional inda está viva pola implicación dun grupo de xente que nos negamos a que esmorecese pola chegada do motor e o poliéster".

A de mañá será a primeira das navegacións da tempada para as dornas da Arousa que, como cada a no, van a afrontar un verán moi longo, con multitude de actividades, entre elas, as clásicas probas da Volta á Arousa e a regata do Bao, dúas das máis importantes de cantas teñen lugar en Galicia.

As actividades do Día das Letras Galegas comezarán mañá sobre o mediodía, e ademais do mar tamén haberá protagonismo para a música galega, coa participación do grupo de baile da asociación cultural e deportiva Dorna. Nas inmediacións do lugar onde se van a celebrar os actos, instalarase unha pequena caseta para a venta de libros en galego.

Aínda que as previsións meteorolóxicas non son moi esperanzadoras para calquera actividade, para navegar, explica Allo, "agardamos que sexan adecuadas en canto a vento para que todos os que participemos neste acto poidamos desfrutar da primeira das travesías deste ano, a primeira das moitas que se van facer".

Durante as últimas semanas, as embarcacións tradicionais permaneceron a bo recaudo nas dependencias do centro de usos náuticos, situado na praia do Bao, onde os integrantes de Dorna lles estiveron dando as últimas mans de pintura, cambiando as táboas que se atopaban en mal estado e preparándoas para un regreso ao mar que encherá de velas de relinga as augas da ría de Arousa.

A tempada de dornas extenderase desde a xornada de mañá ata a Festa do Marisco do Grove, onde as dornas da Arousa participan no desafío a remo coas dese porto. Esa proba representa a retirada das dornas ao seu cuartel de inverno, para o próximo ano, situado na praia do Bao.

Compartir el artículo

stats