Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mario César Vila: "Cálago, máis que un castro, é un complexo arqueolóxico moi amplo"

"A súa posición, próxima ao mar, permitíalle ser a entrada de mercadorías cara o interior"

O director da excavación, Mario César Vila. // Noé Parga

Licenciado e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, Mario César Vila encabeza o equipo de arqueólogos que, a través da empresa Estela Arqueoloxía se encarga de afondar nas orixes de Vilanova en Cálago. Case dúas décadas de traballo o avalan neste senso, ademais de numerosos estudos publicados así como a súa participación nos xacementos do Castelo da Lúa de Rianxo ou no de Rezavella. O obxectivo marcado para esta segunda fase das excavacións financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio e polo Concello de Vilanova e localizar e consolidar os restos de estruturas que se poidan atopar.

-Os traballos arqueolóxicos retomáronse hai tres días. ¿Xa dou tempo a atopar novos datos sobre o xacemento?

-De momento estamos empezando e tan só contamos con información parcial, aínda que si se atoparon algúns elementos cronolóxicos que se repiten. Na terraza norte, onde se van a centrar os traballos arqueolóxicos este ano, atopamos nas anteriores catas un nivel romano e estamos sacando máis materiais dese contexto. O que nos interesa é ampliar tipolóxicamente a información, saber que tipo de estruturas o de construción hai nesa terraza.

-¿Cal sería a importancia deste xacemento?

-Desde o punto de vista científico trátase dun xacemento moi interesante porque é a orixe de Vilanova, prácticamente desde a prehistoria. Nel temos un nivel romano moi importante que indica que o castro non se abandonou coa chegada deste pobo; é máis, ampliouse e a terraza na que traballamos forma parte desa ampliación. Despois tamén está a importancia que adquire en época medieval, vencellada ao mosteiro, ao cemiterio e á existencia da torre-campanario de Cálago. Cremos que, máis que un castro, deberíamos falar dun complexo arqueolóxico de maior envergadura, porque se utilizou durante uns mil anos.

-A intervención xeomagnética e xeofísica permitiu localizar varias estruturas

-A técnica que se utiliza permite avaliar o subsolo a través das ondas que envía a máquina. Esas ondas tradúcense en anomalías que, sobre un mapa do castro, convértense en manchas que indican a presencia de muros. A partir desa información, decidimos acometer unha serie de intervencións en tres sectores concretos, onde se localizaron o maior número de anomalías. Agardamos que, en breve, poidamos chegar ata esas anomalías.

-¿Poderían ser restos do Mosteiro?

-Nas intervencións que fixemos non existe información a maiores da que había previamente. Temos a posición da igrexa no cemiterio, e a da torre na croa do castro. Fixemos unha cata o verán pasado ao pé do campanario e o que nos dou é que se trata dun elemento exento. Partimos da idea de que, onde se atopa o campanario faise un pequeno recheo antrópico en época medieval para darle mayor altura a este elemento. O que temos é un elemento defensivo, de aviso e alarma, máis que relixioso. Asociado a esa cata non topamos restos do mosteiro. Nas outras catas saíu material de época roma e castrexa, pero tampouco atopamos material medieval en posición orixinal por iso debemos ser prudentes antes de afirmar ou negar que se atoparon restos desa edificación.

-¿É habitual a ubicación dun mosteiro tan preto dun núcleo de poboación?

-Non é estrano desde o punto de vista arqueolóxico. Hai que ter en conta que as edificacións relixiosas medievais non eran ubicadas de casualidade, se non que soen estar asociadas a xacementos romanos ou a espazos que posúen un alto simbolismo. É a forma de sacralizar ese espazo pagano, construíndo un edificio relixioso. Un exemplo insigne deste tipo de situacións témolo na Catedral de Santiago, que se atopa sobre o xacemento dunha necrópole romana, que serve de base para xustificar a presenza do apóstolo.

-¿Aínda que a aposta é pola terraza norte, non se pensa actuar na croa?

-Nas catas que se fixeron na croa saíron restos dunha estrutura próxima á zona amurallada. Este ano, a intervención que se prantexa ten por obxectivo traballar para a posta en valor de diferentes estruturas. O ano pasado, a estratexia foi sondear diferentes puntos con catas pequenas que, aínda que non ofrecen información en amplitude, si a ofrecen en profundidade. Collemos eses datos, xunto cos xeofísicos e xeomagnéticos, e vimos que a terraza norte tiña un horizonte romano bastante ben conservado. Foi por iso polo que a proposta e localizar esas estruturas, velas en planta e ter a oportunidade de polas en valor o ano que vén. Temos un xacemento moi grande e os recursos son limitados e hainos que adaptar.

-Na primeira fase da excavación as visitas da xente foron un éxito.

-Foron e este ano ímolas repetir cun programa para escolares e vai haber un novo ciclo de visitas a quen queira achegarse. Tivemos moitos tutristas porque foi no verán, pero sobre todo, tivemos a moitos veciños de Vilanova que chegaba chea de curiosidade, facendo preguntas, e incluso, aportando información, cousas que nos veñen ben para recompoñer o puzzle arqueolóxico. Incluso houbo xente que aportou fotos antigas, que nos viñeron moi ben para coñecer como era o castro antes de que aparecesen as construcións máis próximas.

-¿Ten potencial o castro para iso?

-A nivel de difusión e posta en valor, o castro ten moito potencial, porque está posicionado nunha zona próxima á liña de costa e vencellada ao tanto ao mar como aos camiños que pola beira da ría transitaban, entre eles o de Santiago que pasa por Arousa. É un castro que se atopa nunha zona urbana e non se pode entender sen a súa relación co mar. Nas cerámicas que están aparecendo atopamos restos de produtos importados por mar. Ademais, cremos que tamén tiña unha gran importancia a nivel interior, porque aquí chegaban produtos por vía marítima a un esteiro no que non facía falta nin crear un porto. As Rías Baixas foron moi romanizadas precisamente por iso, por ter moitos puntos de chegada de barcos, por iso se convertiron nun centro de redistribución de todas esas mercadorías cara o interior.

-Sería un punto comercial

-Algo semellante, como o Castro Alobre de Vilagarcía, un complexo costeiro con vencellos co mar e que serve para redistribuir todo o que chega cara as localizacións do interior

Compartir el artículo

stats