A feira da UVigo “A ciencia que vén” celebrarase por primeira vez en Pontevedra

Engloba unha serie de obradoiros, actividades lúdicas e charlas divulgativas

Participantes na edición de 2023, celebrada en Vigo.

Participantes na edición de 2023, celebrada en Vigo. / UVigo

Redacción

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira “A ciencia que vén”, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o venres 31 de maio. Nesta xornada, a praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que diferentes grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.

O evento desenvolverase entre 16.30 e as 19.30 horas e comprenderá tamén dúas presentacións de libros divulgativos e un coloquio sobre a alimentación do futuro, así como un xogo de rol sobre as consecuencias da crise climática, que terá lugar no Museo de Pontevedra.

Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da UVigo, esta feira científica forma parte do programa anual de actividades 2023/2024 do plan Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Pontevedra.

Baixo o lema de "Inflorescencia", neste evento outórgase especial importancia o papel da muller na ciencia e na investigación, ofrecendo unha vez máis a posibilidade de achegarse ao labor das investigadoras da Universidade, e despois de celebrar en Vigo as súas dúas primeiras edicións, trasladase neste 2024 a Pontevedra.