O campus de Pontevedra conmemora o Día de Rosalía con música e poesía

Contará coa actuación do Crúas e un recitado de María do Cebreiro

REDACCIÓN

Por segundo ano consecutivo, a Vicerreitoría do campus sumarase á Alborada para Rosalía, unha iniciativa promovida pola Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Gaiteiros Galegos, na que se convida a músicos e músicas a interpretar unha alborada na honra da poetisa no día no que se conmemora o aniversario do seu nacemento. Farao no marco do acto conmemorativo do desta efeméride programado para o venres 23 ás 20.00 horas na Casa das Campás e no que a música correrá a cargo do dúo Crúas, completándose cun recitado de poemas de Rosalía da man da escritora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela María do Cebreiro.

Aberto ao público ata completar a capacidade da sala, este acto conmemorativo insírese na programación cultural do campus, así como “no compromiso da Universidade co idioma”, como lembra o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. “Nestes tempos nos que estamos vendo que a utilización do galego descende de xeito manifesto, sobre todo entre a xente nova, queríamos poñer o noso gran de area na consecución do obxectivo de que se poida racionalizar o uso do galego en todos os ámbitos”, engade Torres respecto dunha das motivacións centrais dun acto que podera seguirse tamén en directo neste enlace de Youtube.

Tras as verbas de benvida por parte da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, este acto conmemorativo abrirase coa interpretación musical do poema Ora, meu meniño da autora homenaxada, a cargo de Crúas, un dúo conformado pola pianista Iria San Marcial e a cantante e clarinetista Alba Ermida e nacido, como explican, “para poñerlle música a palabras de poetas galegas”. A continuación a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña encargarase de presentar a María do Cebreiro Rábade, poeta.