A cultura galega amosa músculo

O sector xera o 3% do PIB do país e emprega a 35.000 profesionais, representados esta fin de semana en Culturgal

Alumnos do IES Xunqueira I con Os Bolechas, onte na apertura de Culturgal.

Alumnos do IES Xunqueira I con Os Bolechas, onte na apertura de Culturgal. / Gustavo Santos

Traballar a prol da cultura é traballar a favor de Galicia. Lembrouno onte o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na apertura do Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que visibiliza dende o Pazo da Cultura e o recinto feiral de Pontevedra a potencia, a creatividade e o bo momento do sector no país.

Faino nun intenso fin de semana no que recibe milleiros de visitantes e desprega máis de 200 actividades (100 da propia feira e outras tantas dos 90 expositores privados e de institucións) ligadas á literatura, o cinema, a banda deseñada, a música, o deseño… Reflicten, como lembrou o conselleiro, a solidez e competitividade da industria cultural galega, á que puxo como exemplo de modernización e capacidade de adaptación aos novos formatos.

Román Rodríguez lembrou que hoxe a cultura xera aproximadamente o 3% do PIB de Galicia e, segundo datos do Consello da Cultura Galega, 35.000 profesionais viven desde sector, cando “fai 14 ou 15 anos eran 20.000”, sinalou.

Tamén medrou o gasto das familias e a cultura de base, de xeito que neste anos 5.000 entidades non profesionais do país desenvolven actividades. “Xa estamos casi afeitos a que cada pouco xurda un Premio Nacional, o último Yolanda Castaño”, lembrou o titular do departamento autonómico de Cultura, que tamén se referiu ó éxito do filme O Corno no Festival de San Sebastián e a que “de 4 películas españolas no Festival de Berlín, 3 eran galegas”. O éxito débese, engadiu, “a gran creatividade é á crecente profesionalización” do sector, que son a base “para estruturas fortes e competitivas”.

Medrou o gasto das familias e a cultura de base, de xeito que neste anos 5.000 entidades non profesionais do país desenvolven actividades

Foto "de familia" das autoridades, patrocinadores e organizadores desta 16 edición da feira.

Foto "de familia" das autoridades, patrocinadores e organizadores desta 16 edición da feira. / Gustavo Santos

Con todo, quedan retos e Román Rodríguez apuntou neste senso á dixitalización, competencia, cambios nos hábitos de consumo ou acceso universal á cultura, un sector ao que a Xunta destinará 105 millóns dos orzamentos de 2024.

“Queremos unha cultura sostible, libre, que aporte ao ADN galego”, suliñou Román Rodríguez ao inaugurar esta 16 edición da feira, na que a Xunta repite como principal patrocinadora e presenta máis de 30 actividades. Entre elas, o concerto da xira de despedida de Leilía que se celebrará hoxe, as presentacións de diferentes iniciativas autonómicas de promoción cultural, as experiencias de realidade virtual e aumentada Galiverso. O vello Portomarin e Hábitats Natureza Estendida, a exposición interactiva sobre o videoxogo en Galicia ou a competición diaria de tres videoxogos galegos: Super Woden GP, de Vijuda, xogo de rallies para gamers en xeral; Avoo, de Iseltec, un trivial interxeracional para toda a familia, e Grelo, de Colectivo Arume, unha proposta de obstáculos na que poden participar todos os públicos.

Quedan retos e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apuntou neste senso á dixitalización, competencia, cambios nos hábitos de consumo ou acceso universal á cultura, un sector ao que a Xunta destinará 105 millóns dos orzamentos de 2024

Os voceiros do departamento que encabeza Román Rodríguez avanzaron que a estratexia da política cultural da Xunta continuará articulándose arredor do Plan Xeración Cultura, “que en 2023 supuxo unha inxección económica de 34 millóns de euros”, destacan, e avanzan algunhas das prioridades para o ano que vén: “manter o crecemento do sector nun contexto de incremento da oferta e da demanda cultural, apostar pola modernización das estruturas empresariais e de creación para a adaptación da cultura galega aos novos contextos dixitais e usos tecnolóxicos, e, por suposto, seguir garantindo o acceso universal á cultura e impulsando o talento”.

Público nun dos 90 expositores que esta fin de semana se dan cita no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Público nun dos 90 expositores que esta fin de semana se dan cita no Pazo da Cultura de Pontevedra. / Gustavo Santos

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, gabou a elección do lema deste Culturgal 2023, Intelixencia Natural, e lembrou que “non hai intelixencia artificial que supere a natural” antes de referirse ao compromiso da institución que encabeza coa cultura, ampliando os orzamentos adicados ao sector nun 20%, ata un total de “15 millóns para dinamizar e promocionar”, suliñou.

Se o conselleiro de Cultura se referiu a que “gustaríanos ser máis administracións apoiando a Culturgal”, en referencia ao Estado, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, tamén recoñeceu que “estamos desexosos de que máis institucións se sumen” como patrocinadoras, neste caso en referencia ás deputacións de Lugo e Ourense.

Un dos numerosos grupos que visitou onte Culturgal.

Un dos numerosos grupos que visitou onte Culturgal. / Gustavo Santos

O rexedor da cidade anfitrioa lembrou que Culturgal amosa a potencia cultural de Galicia, e que “se de algo podemos presumir” e da resistencia da nosa cultura, que foi quen de erguer a cabeza “logo de periodos escuros”.

Suscríbete para seguir leyendo