A alcaldesa de Marín e candidata á reelección polo Partido Popular, María Ramallo, ten claro o que quere para o litoral da vila: “Temos unha xoia absoluta ao longo da nosa costa, unhas praias que non teñen nada que envexar ás do resto de Galicia e doutras costas de España. Queremos que a mobilidade cara a elas sexa un eixo prioritario nos próximos catro anos”, destacou. Por iso, anuncia que un dos proxectos que se levará adiante se revalida a Alcaldía será a consecución do futuro Vial de Praias, “un proxecto de renovación para conectar a senda peonil-ciclista e cunha mellora total da accesibilidade”.
“Queremos crear unha senda mellor, na que conviva de verdade e con seguridade a xente que pasea, a xente que vai en bicicleta e o tráfico”, explicou a alcaldesa, que detalla que este proxecto forma parte do Plan de Turismo Sostible de Marín.