Marca Caldas traslada ao chef Pepe Solla as súas propostas sobre turismo e hostalería

A candidata nacionalista visitou onte Casa Solla

REDACCIÓN

A candidata do BNG á Alcaldía de Poio, Marga Caldas, visitou onte o restaurante Casa Solla, onde expuxo as súas propostas para converter o concello de Poio en un referente do turismo e da gastronomía, poñendo en valor o nome de Pepe Solla, referente dentro e fóra do concello. Neste encontro, a candidata nacionalista á Alcaldía xunto con integrantes da candidatura do BNG, foi recibida polo cociñeiro Pepe Solla e puido coñecer de primeira man o xeito de traballar nas instalacións.

“Poio precisa desestacionalizar o noso turismo, somos un referente turístico que chega a cifras moi importante en épocas estivais, pero queremos dar un paso máis. Queremos apostar por un turismo os 365 días do ano”, afirmou Caldas. “Imos apostar por novas fórmulas de turismo que permitan seguir dinamizando o noso concello, como eventos deportivos e culturais, e potenciar as nosas zonas verdes, que permitan á nosa hostalería seguir mantendo a actividade durante todo o ano e por en valor a calidade gastronómica deste concello onde contamos con dous restaurantes con Estrella Michelín, como son Casa Solla e Pepe Vieira”.