Na noite do sábado 26 de novembro, Culturgal irá de festival, avanza a organización, que a partir das 20 horas contará con “catro propostas rebordantes de enerxía e talento, ao vivo no escenario” do Pazo, onde a feira celebrará o seu 15 cumpleanos. Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore son os convidados para pechar un ano que, “sen dúbida, é o seu ano”, avanza a organización sobre un espectáculo no que haberá electrónica, pop e tradición, coa idea de visibilizar a diversidade da música galega.

Culturgal celebrase en Pontevedra do 24 ao 27 do vindeiro mes. Dentro dela estárá este #CulturgalSon15, unha proposta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) para esta edición especial da Culturgal, “que recolle boa parte do novo talento musical do país”, sinalan dende a feira.

Engaden que “co seu proxecto en solitario Antía Muíño está a converterse nun fenómeno; o seu tema “Carta aberta” ten mais de 900.000 reproducións contabilizadas en Spotify. Compostelá residente en Donosti, a artista forma parte dalgúns proxectos de jazz como o trío Arnela e xa pasou por festivais tan prestixiosos como o Jazzaldia. A súa formación como guitarrista clásica e a súa proximidade ao jazz vocal, á música tradicional e ás cancións populares, fan da súa proposta unha das grandes sorpresas do ano, que mereceu o Premio Martín Códax da Música 2022 como Artista Emerxente”.

Tamén a banda Néboa triunfou este ano nos Martín Códax co galardón na categoría Pop e Indie coa súa proposta baseada no coñecemento da música alternativa e a sensibilidade pola instrumentación da música tradicional. “En 2020, co seu primeiro LP., “A realidade enganosa”, producido por Hevi e Lucas de Centi, acadan o galardón ao mellor álbum en galego nos Premios MIN 2021. En 2022 están a xirar por diferentes cidades do Estado presentando o EP “Fósforo”, no que repiten produtores, e no que contan coas colaboracións da cantante portuguesa Sús e de Antía Ameixeiras.

Pola súa banda, o proxecto Berto nace en decembro de 2021 da man de Alberto Mira, músico e compositor pontevedrés, que xa alterara o panorama musical galego co grupo Verto. En marzo de 2022 publica “Bailar Chikito”, un EP en colaboración coa cantante Marinha, onde explora una mestura entre o pop, a música electrónica, o trap e o tecno.Chegará a Culturgal tras presentar o tema “Bágoas de cocodrilo”, un avance do que será o seu novo disco.

O peche do concerto #CulturgalSon15 virá da man de Grande Amore, un proxecto tan exitoso como sorprendente, cargado de personalidade e galardoado nos Martín Códax deste ano na categoría de Electrónica.. “Grande Amore soa macarra e tenro, rabiosamente humorístico e, ao mesmo tempo, vulnerable na súa desesperación existencial”, sinalan dende o Culturgal, algo que plasma con mestría no seu primeiro tema, “Esta pena que a veces teño”.

As entradas para #CulturgalSon15 sairán á venda o vindeiro día 27 en cultur.gal a un prezo de 8 euros que tamén inclúe o acceso aos catro días da feira das industrias culturais galegas.