Principia hoxe en Padrón a terceira edición de “Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües”, unhas xornadas que tamén incluirán actividades en Santiago e Pontevedra e que tratan de promover a dimensión internacional da cultura galega en xeral a través da figura da nosa más insigne escritora e do Camiño de Santiago.

A organización suliña que “trátase de percorrer en tres xornadas escenarios xacobeos e rosalianos da Terra de Iria, Compostela e Pontevedra” con oito poetas “chegados de toda Europa: María García Díaz (Asturias), Tatiana Faia (Portugal), Jaume Coll Mariné (Cataluña), José F.A. Oliver (Alemaña) e os galegos Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal e Nieves Neira Roca”.

A Boa Vila será escenario o vindeiro sábado, día 2, da terceira xornada do programa. Incluirá unha visita guiada ao Museo de Pontevedra e un recital no Edificio Castelao cos poetas convidados.

A Casa-Museo Rosalía de Castro, impulsora da iniciativa, lembra que a visita ao Museo é gratuita e prevé presentar coincidindo con este ciclo dous libros: ‘Neve de agosto’ de Nieves Neira, e ‘O gran poema’, de Constantino Bértolo, na compostelá libraría Couceiro.