A Universidade de Vivo celebrou onte o acto conmemorativo do Día das Letras Galegas na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Nun evento no que a institución fixo entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución e A lingua galega en 2050, promovidos pola súa Área de Normalización Lingüística (ANL), lembrouse a Florencio Delgado Gurriarán, o poeta homenaxeado neste 2022 no Día das Letras Galegas, figura destacada tanto polo reitor, Manuel Reigosa, como polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.

O reitor salientou que unha das tres “grandes liñas” fixadas no plan estratéxico que a Universidade aprobou o pasado ano é “facer unha gran aposta pola lingua e a cultura galega”, á vez que lembrou que a UVigo conta con tres titulacións que se imparten nun 80% en galego, así como cun “plan para favorecer que nas aulas se utilice moito máis” o idioma.

Abertos ao conxunto da comunidade universitaria, o alumnado foi nese 2022 o grande protagonista dos premios literarios, dotados no seu conxunto con 3.600 euros, así como coa publicación dos textos seleccionados nun monográfico.

Na categoría de poesía, o xurado outorgou o primeiro premio a Adriana Rivas, estudante da Facultade de Filoloxía e Tradución, por “Bosques”. Alumno tamén de Filoloxía e Tradución, Fabio Rivas recibía, por segundo ano consecutivo, o premio de relato curto, nesta ocasión por “O cruceiro e as anguías”. Por último, o premio na categoría de tradución foi para Diego García Laranxeiro pola súa adaptación ao galego dun texto científico escrito en alemán por Christina Beck.

A estes galardóns sumouse neste 2022 un novo premio dirixido promover unha reflexión sobre a situación social da lingua por parte do alumnado, Carla Míguez e Julieta Insagaray, ambas alumnas de Filoloxía e Tradución, foron as primeiras gañadoras.