O sindicato CIG-Ensino, en colaboración co Concello de Pontevedra e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), presentou hoxe a axenda de actividades do Correlingua, un dos eventos de fomento de lingua galega entre a rapazada con máis tradición na comunidade autónoma.

Os actos contarán con presenza en toda Galicia e comezarán en Pontevedra o vindeiro día 4 de maio. Nos días anteriores, así como nas semanas posteriores ao Correlingua, haberá nas escolas participantes actividades como obradoiros, sesións de contacontos e lecturas.

No caso de Pontevedra, haberá un formato híbrido, deixando aparte as edicións celebradas con restriccións na pandemia, sen a tradicional marcha que caracteriza a estas xornadas, pero cunha festa, que terá lugar na Alameda.

Alí, será a actriz Isabel Risco quen faga de mestra de cerimonias, coa lectura dun manifesto elaborado polos escolares nas aulas. A actividade estará musicada pola banda Mekánika Rolling Band, gañadores do certame Cantalingua deste ano.