Os maiores de Poio retoman as sesións do seu Bingo Entretido

A actividade trasladarase en maio a Campelo e A Seca

REDACCIÓN

Neste mes de abril a Concellería de Benestar Social e Educación, dirixida por Rosa Fernández, vén de recuperar unha das súas actividades de maior éxito: o Bingo Entretido, unha cita pensada para as persoas maiores. Tal e como lembra Fernández González, esta foi unha das primeiras actividades que se tivo que suspender por mor da chegada da pandemia da COVID. No outono de 2021 anunciouse a súa reanudación, pero finalmente tivo que aprazarse debido ao empeoramento durante os meses posteriores da situación sanitaria.

“Afortunadamente, as nosas e os nosos maiores xa poden volver a xuntarse para compartir unhas horas de diversión todos xuntos”, celebra a edil. Esta actividade é de balde e cada certo tempo trasládase a unha parroquia diferente. Esta semana a cita tivo lugar en Combarro, mentres que no mes de maio trasladarase a Campelo e A Seca. Previamente tamén estivo en Raxó, Samieira e Vilariño. Os premios que se levan as ou os gañadores consisten en roupa para o fogar, menaxe e complementos.

Por outra banda, o alumnado do programa Saudemente, que tamén depende da Concellería de Benestar Social, está a realizar estes días unha actividade para celebrar o Día da Nai, que será o vindeiro domingo 1 de maio. Os e as persoas que forman parte desta iniciativa están a realizar exercicios nos que recordan ás nais “que xa non están entre nós”, indica Rosa Fernández.