A concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas presentou o programa “A memoria do noso”, unha iniciativa que se impulsa, coa colaboración da Deputación, con obxectivos como “reivindicar, dar visibilidade e poñer en valor o papel que tivo a cultura, nas súas diferentes formas, á hora de manter viva a tradición e a historia do noso país, especialmente despois do estalido da Guerra Civil”, tal e como indicou a edil.

Caldas informou de todas as iniciativas que se levarán a cabo a través desta programación, que se inclúe dentro da axenda cultural Verbas en Flor, que recolle os diferentes eventos que se levarán a cabo no concello ao longo da primavera. Así, a primeira das citas será mañá, a partires das 19.30 horas no Casal de Ferreirós. Trátase dun faladoiro que contará coa participación de Esther F. Carrodeaugas, autora do texto da obra Voaxa e Carmín, e do escritor, músico e autor Xurxo Souto, no que se conversará sobre a música represaliada e a memoria histórica no mundo do teatro.