A lingua das palabras marabillosas

Preto de 200 nenos participan nun Correlingua simbólico na Alameda, unha festa na que reivindicaron con lemas e música a nosa fala, cun gran berro colectivo: “Somos galegos”

Un grupo de nenos participantes no Correlingua 2021.   | // RAFA VÁZQUEZ

Un grupo de nenos participantes no Correlingua 2021. | // RAFA VÁZQUEZ / Susana Regueira

Susana Regueira

“Berremos que somos galegos”, pediu a actriz Isabel Risco aos alumnos dos CEIP Froebel e Barcelos que participaron nun Correlingua especial... E, como ten que ser, o berro escoitouse casi en Marín. A organización limitou esta festa habitualmente masiva tanto polas restriccións da pandemia como, moi especialmente, pola ameaza de choiva, xa que tería que trasladar as actividades a un dos colexios, con moita menor capacidade. Con todo, o formato reducido non evitou que seguise sendo unha gran celebración colectiva da nosa fala e o noso xeito de estar no mundo.

Concerto de Paula e a súa banda.   | // RAFA VÁZQUEZ

Concerto de Paula e a súa banda. | // RAFA VÁZQUEZ / Susana Regueira

A previsión de choiva non se cumpliu finalmente e unha mañá soleada recibiu onte aos nenos, todos equipados coas súas mochilas nas que podía lerse “Inmunizate co galego”, lema desta edición 2021.

Os colexios da comarca tiveron a oportunidade de seguir en streaming a través da canle de YouTube do Correlingua esta festa adicada á nosa creación colectiva, a máis fermosa dos galegos, “unha lingua bimilenaria, que nos fai diferentes e danos moita persoalidade”, lembrou Isabel Risco. Ésta destacou que nós “temos o superpoder do galego” e a festa da nosa fala ten que ser “todos os días”.

Con moita retranca, animou a todos os asistentes a usar a nosa lingua, reivindicala e, chegado o caso, mesmo botala fóra da boca se queren avergoñarnos por ela. A actriz tamén deu lectura ao manifesto do Correlingua, redactado polo grupo “Latricáns” do IES Muralla de Lugo.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, e o concelleiro de Normalización, Alberto Oubiña, participaron no Correlingua. O rexedor lembrou aos nenos que él falou galego “desde ben noviño” e que nunca deixa de usar a nosa fala, mesmo cando viaxa por todo o mundo reprentando á Boa Vila.

Fixo fincapé en que se trata dunha lingua con 20 séculos de historia “e temos que seguir outros 2.000”, sinalou para convidar aos pequenos a empregar o noso idioma, unha fala “con palabras marabillosas” que dan nome ás cousas que vemos todos os días, “coma as arbres, os apelidos ou os animais”.

Animou aos máis pequenos a falala “sempre con orgullo” e expresou a confianza que temos nos nosos nenos para garantir “unha lingua cada vez máis viva”.

A festa continuou coa actuación en directo da agrupación gañadora do Cantalingua, Pauliña e a súa banda, que puxo un colofón musical a unha xornada que fai ver que todas as linguas do mundo son importantes e os galegos somos donos do tesouro dunha fala viva.