A festa do Correlingua tomou na mañá deste xoves a Alameda de Pontevedra para reivindicar o dereito a medrar en galego. Ata o palco de música chegaron preto de 200 estudantes de Primaria, alumnos dos CEIP Froebel e Barcelos, que se achegaron ata os xardíns históricos da cidade coas súas mochilas nas que podía lerse “Inmunízate co galego”, o lema desta edición.

Isabel Risco, micro en man, animou a todos os presentes a usar a lingua, reivindicala e botala fóra da boca se é necesario cando tenten avergoñarnos por usala. Cun ton divertido, cheo de entusiasmo e retranqueiro, a actriz logrou a implicación de todos os cativos presentes, que non cansou de seguir a súa intervención. Ésta tamén incluíu a lectura do manifesto do Correlingua, ideado polo grupo Latricáns do IES Muralla Romana de Lugo.

O alcalde lembrou que él falou galego “desde ben noviño” e que nunca deixara de usar a lingua do noso país, mesmo cando viaxa por todo o mundo representando á Boa Vila

O Concello contou coa representación do concelleiro de Normalización, Alberto Oubiña, e do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que tamén tivo a oportunidade de falarlles aos cativos. Na súa intervención, o o rexedor lembrou que él falou galego “desde ben noviño” e que nunca deixara de usar a lingua do noso país, mesmo cando viaxa por todo o mundo representando á cidade.

A festa celebrouse na Alameda, a carón do palco da música

Fernández Lores fixo fincapé na historia do galego, na súa beleza e na capacidade de seu que ten para describir o noso, sexa con palabras que só posúe o galego para sinalar animais ou obxectos, ou mesmo as formas galegas dos apelidos e os nomes.

O evento continuou coa actuación en directo da agrupación gañadora do Cantalingua, Pauliña e a súa banda que, ao igual co resto de intervencións, foi retransmitida en streaming a través da canle de YouTube do Correlingua, de xeito que os colexios da comarca tivesen oportunidade de seguir o Correlingua e centos de nenos poidesen berrar ben alto que somos galegos e queremos á nosa língua.