Fai 85 anos Alexandre Bóveda, nado en Ourense e fusilado na Caeira en 1936, convertiuse ao seu pesar nun mito do galeguismo. So cinco anos despois a comunidade galega no exilio sinalabao coma o mártir da defensa da liberdade e dunha Galicia soberana; e onte, coma cada 17 de agosto, seguiuse a reivindicar a súa memoria e, con ela, a de miles de galegos afastados das súas familias, asasinados, encarcelados ou levados ao exilio e á pobreza polo fascismo.

Imaxes da homenaxe na Caeira e do acto en Curros Enríquez, con forte presenza policial. | // G.S.

A familia, representantes das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao, deputados coma a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o tamén nacionalista Luis Bará, a eurodiputada Ana Miranda ou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, acompañaron onte ao alcalde de Poio e anfitrión, Luciano Sobral, na tradicional ofrenda floral ante o monumento erixido por suscripción popular a Bóveda.

“Que vivan os mártires galegos!”

Entre os representantes políticos, numerosos concelleiros de Poio e Pontevedra (entre eles o teniente de alcalde, o socialista Tino Fernández) e por primeira vez un presidente do PP de Pontevedra. Rafa Dominguez sinalou a propósito da súa presenza que “penso que é un recoñecemento a unha persoa que foi asasinada. O único delito que cometeu foi amar a Galiza. E o que temos que facer os galegos é estar aquí”.

“Que vivan os mártires galegos!”

Se Ana Pontón pediu horas antes que se rehabilite públicamente a figura de Bóveda e se acabe con esta “vergoña democrática” anulando todos “os xuizos, sentenzas, expedientes e sancións” ás vítimas, institucionalizando o 17 de agosto como Día a Galiza Mártir, na ofrenda o presidente do PP de Pontevedra coincidiu en que “debemos avanzar nun recoñecemento de todas as forzas políticas”.

No turno de intervencións, todos los participantes lembraron “a débeda democrática” cunha xeración para a que se pediu xustiza, verdade e reparación. Bóveda representa en realidade, como lembrou a concelleira e mestra de cerimonias Marga Caldas, “a milleiros de homes e mulleres galegas mortos e desaparecidos” por defender as súas ideas e a seu país.

“Mentras todos os expedientes e sancións sigan non teremos motivos de celebración”, lamentou Marga Caldas. Pola súa banda, Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, lembrou que “nós somos unha nación” e que Castelao pedia a autodeterminación “para poder decir nn, ou o meu si será de sumisión”, antes de convidar a reflexionar sobre por qué “nos deixamos gobernar por xente que odia o galego, que non ten aprecio por Galiza nin por nós”.

No día dos mártires galegos tamén se deu a coñecer a nova asociación Mocidade Galega pola Memoria. Son uns dos traballadores pola memoria histórica aos que David Otero, da Fundación Alexandre Bóveda, agradeceu a esforzo por “divulgar a nosa memoria democrática”, un legado que é “un antídoto contra o fascismo e o discurso do odio, da educación de non saber e non preguntar”.

Temos, lembrou David Otero, o dereito á verdade. “Hai que falar de vítimas pero tamén de executores, de torturas e de torturadores”, sinalou.

Pola súa banda, Amalia Bóveda, filla póstuma do homenaxeado, suliñou que Galiza precisa instituións que prooricen políticas de memorias. “Se queremos un futuro distinto precísase uha memoria distinta tamén tanto na sociedade como nas administracións”, destacou.

Amalia Bóveda protagonizou momentos despois a ofrenda floral. Depositaron os outros ramos os representantes das fundacións Bóveda e Castelao e do Concello de Poio. O seu alcalde lembrou que Bóveda é un símbolo que repreesnta “o sacrificio e o sufrimento de moitas persoas” e os asistentes “recollemos o seu testigo para seguirconstruíndo a Galiza soberana que soñou Bóveda”.

O outro escenario das homenaxes no Día da Galiza Mártir foi o cemiterio de San Amaro, onde está soterrado Bóveda, escenario da ofrenda que celebrou Anova Irmandade Nacionalista

Xa pola tarde, a praza de Curros Enríquez foi escenario do acto público convocado polo Bloque Nacionalista Galego, que convocou á militancia no casco vello de Pontevedra. O rexedor da Boa Vila foi neste caso o anfitrión de convidados como a líder nacionalista, Ana Pontón.

Ana Pontón dille a Ence que “perda toda esperanza” de presionar

Coincidindo co Día da Galiza Mártir, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Pontevedra a “Iniciativa Bóveda pola soberania físcal”, que se propón abrir un debate social e institucional sobre a soberanía económica do país, e encabezou o acto na praza de Curros Enríquez. Acompañada do deputado Luís Bará e da responsable comarcal de Galiza Nova, Marta Gómez e nun acto con forte presenza policial en previsión dunha protesta dos traballadores de Ence, Ana Póntón lembrou que grazas ás asociacións pola memoria histórica e á presión do nacionalismo “conseguimos Meirás e conseguiremos que se faga xustiza con Bóveda”. Gabou o exemplo de Pontevedra. O modelo da Boa Bila representa, destacou, “que outra Galiza é posible, coa política de verdade pode defenderse un país”. Sinalou ao alcalde capitalino como representante dos que “no se doblegan a intereses empresariais” e, neste sentido, emplazou a Ence a que “perda toda esperanza” de presionar.