Dende hoxe e ata o vindeiro 28 de maio está aberto o prazo para participar na V edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate. Trátase do certame enmarcado no proxecto do mesmo nome impulsado polos concellos de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística que xestiona Alberto Oubiña, e os de Ames, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, e que vén de recibir o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ao mellor proxecto estabilizado.

‘Enreguéifate’ é un proxecto concibido para fomentar que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar, polo que inclúe accións formativas para alumnado e profesorado de ensino non unversitario. Nesta edición 2021, organízanse 60 obradoiros en centros educativos dos concellos organizadores, dos que en Pontevedra está previsto que se impartan un total de 22 a cargo de regueifeiros e regueifeiras de recoñecida traxectoria como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e A Rabela.

Para participar no certame, a inscrición poderá facerse desde a páxina web www.enregueifate.gal, onde tamén se poden consultar as bases. Como en edicións anteriores, mantéñense as dúas categorías, xeral e escolar, e seis premios en cada unha das mesmas: regueifa máis brava, regueifa máis aguda, regueifa máis diversa, regueifa máis reivindicativa, regueifa mellor cantada e regueifa mellor falada.

As bases estipulan que o idioma empregado ten que ser o galego, a temática é libre, e que en cada vídeo deben aparecer, cando menos, dúas persoas. Unha mesma persoa pode participar en varios vídeos e a duración máxima das pezas será de 3 minutos. Non se establecen restricións no formato, sempre e cando as gravacións se aprecien de xeito claro. Tamén se advirte que non se poderán transmitir imaxes ou mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias, polo que a organización descartará aqueles vídeos con contidos que non considere apropiados.