Tres emprendedoras de Poio (Natalia Viña Lledó, Marisé García Castiñeira e Mariem Filgueira Pérez) serán as protagonistas da primeira sesión dos Faladoiros “A Forza das Mulleres”. Trátase dunha serie de encontros telemáticos que se estrean con esta cita inicial o vindeiro mércores, día 24, a partires das 20.30 horas. Todos eles poderán seguirse por streaming, a través das canles oficiais do Concello de Poio, previa inscrición. Así, as persoas interesadas en seguir esta actividade poderán enviar previamente un correo a igualdade@concellopoio.org, para que se lles envíe a ligazón correspondente.

Estes faladoiros forman parte da programación desenvolvida polo departamento de Igualdade, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, que tivo lugar o pasado 8 de marzo. A situación derivada da pandemia da COVID-19 impediu a celebración de actos presenciais e masivos, polo que a área dirixida por Silvia Díaz (Avante Poio) optou por esta vía on line como alternativa.

Marisé García. |

“Realizamos esta actividade co obxectivo de compartir experiencias e opinións sobre diferentes cuestións de interese, como poden ser as dificultades que as mulleres atopamos na sociedade patriarcal para o desempeño profesional, a imposibilidade de conciliación ou que significa ser muller nestes tempos de pandemia”, avanza a concelleira do goberno local, que será a encargada de presentar este faladoiro inicial. A moderación correrá a cargo da directora do Centro de Información á Muller, Raquel Morales, e da psicóloga do propio CIM, Lidia Fazanes.

Con respecto ás participantes nesta sesión inaugural dos faladoiros virtuais, Silvia Díaz explica que “son mulleres emprendedoras, que nos poden achegar a súa visión e experiencia vital dentro do eido empresarial”. Todas elas son integrantes da Asociación de Emprendemento EnPoio. Natalia Viña é a responsable de Fisioterapia Combarro, mentres que Marisé García dirixe a Autoescola Arias e Mariem Filgueira impulsa a entidade Sherpa Empresarial.

Natalia Viña. |

A Concellería de Igualdade quere que estes encontros virtuais dean voz ás vivencias e reflexións de mulleres cuxa profesión cobrou especial relevancia e protagonismo desde o inicio da pandemia da COVID. Neste sentido, Díaz lembra que ese tamén é o espírito do mural deseñado pola ilustradora Tania Solla, en colaboración con Polo Correo do Vento, no acceso ao campo de fútbol da Seca, onde aparecen representadas deportistas profesionais, enfermeiras, matronas, caixeiras ou celadoras, entre outras profesións.