"Modificar profundamente a lexislación vixente que está pensada dende Madrid para favorecer ás grandes empresas de distribución e de comercialización impedindo que haxa alternativas de contratación real para o comercio local". Ese foi o principal compromiso da cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, nunha reunión con representantes do pequeno comercio de Pontevedra para coñecer as iniciativas do Bloque de cara as eleccións do próximo 28 de abril.

Da Silva indicou que a recente normativa aprobada en Madrid pon trabas ás empresas de pequenas dimensións para competir con grandes multinacionais á hora de prestar servizos ás administracións. Segundo dixo, isto nótase fundamentalmente nas contratacións que fan os concellos, que antes do cambio lexislativo "podían optar polo comercio local en calquera contrato, dende material de oficina, de limpeza ou talleres, mentres neste momento hai unha lexislación que o impide".

A candidata destacou que é cuestión de vontade política que se faga un cambio nesta normativa, polo que destacou que dende o BNG fará propostas para conseguir que o comercio local manteña os seus anteriores dereitos. "Estaremos no Congreso en representación dos intereses de Galiza, pero tamén dunha parte fundamental do tecido económico galego como é o pequeno comercio".