“A gardería da Parda vai ser unha das mellores da rede pública galega”, dixo a concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón García, para quen “Pontevedra pode estar orgullosa de contar con esta magnífica dotación, froito dun importante esforzo económico do Concello que permitiu erguer un edificio cunha calidade arquitectónica salientable”. Un edificio que, asegura, estará listo en poucas semanas para a súa entrada en funcionamento, grazas á dotación dun completo equipamento de cociña e mobiliario.

A Xunta de Goberno Local adxudicou onte definitivamente á firma “Sutega” o equipamento do mobiliario cun orzamento de 37.889,61 euros. A empresa contratista dispón, en virtude da oferta presentada, dun axustado prazo, de só 10 días, para entregar o mobiliario que, ademais, quedará garantido por un período de sete anos. O mobiliario inclúe as cunas para os máis pequenos así como todo tipo de mobles e elementos didácticos e de lecer. Tamén abrangue un amplo lote de xoguetes para diversas idades.

Por outra banda, xa está adxudicado provisionalmente o equipamento da cociña á empresa “Montes” cun orzamento de 35.576,54 euros. Tan só falta que a empresa presente a documentación necesaria para formalizar a adxudicación definitiva e formalizar o subministro.

A escola infantil da Parda, construída polo Concello de Pontevedra, entrará en funcionamento, xunto coa do campus universitario, durante o próximo curso dentro da rede da Xunta de Galicia. Os gastos de funcionamento ordinario de ambas garderías serán financiados no marco dun convenio entre ambas institucións e tamén coas cotas que satisfagan os pais.

Inscripción

Margarita Castejón quere lembrar que a Consellería de Traballo e Benestar Social xa abriu o prazo de preinscrición e a data tope é o 10 de setembro. As instancias deben presentarse no edificio administrativo da Xunta en Campolongo. As listaxes provisionais de admitidos e de agarda publicaranse o 17 de setembro. As listaxes definitivas de admitidos e de agarda faranse públicas o 4 de outubro. Finalmente, o prazo de matrícula formalizarase do 5 ao 15 de outubro.

Coa posta en marcha da gardería da Parda, a cidade de Pontevedra gaña 112 novas prazas de gardería pública. O reparto é de dúas aulas de 0-1 anos; tres aulas de 1-2 anos e tres aulas de 2-3 anos.

A Escola Infantil foi executada cun orzamento total de 1.414.500 euros. Está construída nunha parcela de 2.823 metros cadrados de forma rectangular e situada entre a rúa Diego Sarmiento de Acuña, o centro de saúde da Parda, a rúa da Abundancia e o Conservatorio de Música. O proxecto corresponde ao arquitecto José Ramón Garitaonaindía de Vera.

A edificación, que goza dunha magnífica luz natural, dispón de sistemas de climatización que garanten unha temperatura interior idónea. O solo é de parqué industrial cun grosor de 12 centímetros. Presenta dúas áreas claramente diferenciadas: as aulas e unha pequena rede de espazos servidores que se apegan ao muro perimetral e que, en función do seu uso, poden compartir coas aulas o espazo central. A administración e a área de servizos xerais están apegadas ao muro perimetral e nútrense da luz que entra por unha serie de pequenos xardíns interiores.

As aulas quedan comunicadas por medio dun pequeno cordón umbilical que, a modo de corredor interior percorre toda a edificación. As ventás xogan un papel predominante e a súa decoración, con vinilos de cor vermello e malva, marca todo o aspecto interior e exterior da obra. A superficie total construída do edificio é de 1.045,17 metros cadrados e os espazos exteriores chegan ós 868,75 metros cadrados.