Flores e música para Blanco Amor

O cemiterio de San Francisco acolleu onte a tradicional homenaxe ao autor de “A Esmorga” no 44º aniversario do seu pasamento

Homenaxe a Blanco Amor no cemiterio de San Francisco, onte.  | // FDV

Homenaxe a Blanco Amor no cemiterio de San Francisco, onte. | // FDV / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O cemiterio de San Francisco, na cidade de Ourense, acolleu onte a tradicional ofrenda floral en homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, con motivo do aniversario do seu pasamento, do que se cumpriron 44 anos este 1 de decembro.

A esta conmemoración, na que soaron dúas gaitas da Real Banda, sumáronse estudantes do IES Blanco Amor, do barrio da Ponte, e representantes institucionais da Xunta e da Deputación Provincial de Ourense. En nome da administración provincial participou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, quen destacou na súa intervención a “relación indisoluble entre o autor que inmortalizou Auria e a Deputación de Ourense”. Tamén lembrou ao autor de “A Esmorga” o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén.

Esta homenaxe a Blanco Amor no cemiterio de San Francisco no que repousan os seus restos, naceu a comezos dos anos 80 do século pasado, a iniciativa de Marcos Valcárcel e outros amigos do escritor do escrito, á que se sumou de inmediato o IES de A Ponte, que nesa época pasaría a chamarse IES Eduardo Blanco Amor a petición da profesora María do Carmo Henríquez Salido.

Doutra banda, a entrega do XLII Premio de Novela Eduardo Blanco Amor, prevista para onte no Liceo, quedo aprazada ata nova data. O galardón recaeu na xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila Alonso pola súa obra “O Incendio”, escollida entre un total de 21 orixinais presentados a esta edición. Organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano.