Un cuarto de século espallando a memoria do Couto Mixto

A asociación que mantén viva a simboloxía deste territorio nomeou tres novos xuices honorarios, namentres a Academia das Ciencias Sociais suma incorporacións

A arca das tres chaves presidiu o acto de nomeamento.   | // FDV

A arca das tres chaves presidiu o acto de nomeamento. | // FDV / S. DE LA FUENTE

Os tres hombres de acordo que representan ás aldeas de Santiago de Rubiás, Rubiás e Meaus volveron xuntar as súas chaves para abrir a arca que custodia a memoria documental do Couto Mixto no acto de nomeamento de tres novos xuices honorarios: o escritor e académico portugués Fernando Venâncio, a directora de cine Ángeles Huerta e o deputado do PSC natural de Randín, Mario García.

A pequena igrexa de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín, acolleu onte a cerimonia impulsada polos Amigos do Couto Mixto, unha asociación que desde hai 25 anos traballa por manter viva a simboloxía e o pasado histórico, antropolóxico e cutural dun territorio único que durante sete séculos foi independente dos reinos de Galicia e Portugal.

“Non era xusto que a riqueza histórica e cultural desta terra fose totalmente descoñecida fora do seu territorio, e so se coñecese por tradición oral entre a veciñanza”, dixo Xosé Manuel Cid, ‘amigo’ e director da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, creada hai un ano precisamente para reconstruir a idea desta república esquecida sobre e labrar o seu futuro mediante a súa conservación como patrimonio singular.

Traslado da arca das tres chaves.

Traslado da arca das tres chaves. / INAKI OSORIO

Neste cuarto de século, “espallamos polo mundo a memoria do Couto Mixto”, defendeu o tamén decano da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, na súa intervención nun acto ao que asistiron autoridades, xuices honorarios, veciños e amigos desta república esquecida, “devotos”, en palabras do académico, que introduciu o nomeamento dos novos xuices: o escritor e académico portugués Fernando Venâncio, a directora de cine Ángeles Huerta e o deputado do PSC Mario García.

En nome de Venâncio recolleu as distincións Marcos Neves. Autor de “Assim nasceu uma limgua”, Fernando Venâncio foi escollido para ser embaixador do Couto Mixto pola súa reivindicación da lingua galega como eixo fundamental do idioma portugués.

Directora de cine e doutora en literatura comparada pola Universidade de Oviedo, Ángeles Huerta, recibiu este nomeamento pola súa película “O corpo aberto”. Segundo recolle a acta da xuntanza na que se aprobaron as distincións, o film recrea unha trama ambientada na fronteira galego-portuguesa, concretamente nas aldeas de Tourem e Pitoes, na Freguesía de Montalegre, e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, “reivindicando o paganismo rural que existe en Galicia e Portugal, dúas terras que comparten formas culturais e que se perpetúan nun mundo globalizado a través da súa cultura popular”.

O terceiro embaixador é Mario García, natural de Randín, no concello de Calvos de Randín, e defensor da identidade do Couto Mixto como territorio singular en Galicia no foro institucional do Parlament de Catalunya. Este feito, alega a Asociación de Amigos, “supuxo unha internacionalización da existencia deste territorio arraiano”. Dada a súa implicación coas colectividades galegas na emigración catalá, o deputado do PSC, “convírtese nun embaixador excepcional dos territorios arraianos diante de milleiros de galegos e galegas que viven na diáspora”.

Os nomeados, xunto á escultura do derradeiro xuíz do Couto Mixto.

Os nomeados, xunto á escultura do derradeiro xuíz do Couto Mixto. / FdV

O acto estivo amenizado pola música de María do Ceo e rodeado da simboloxía que envolve o Couto Mixto, sen esquecer a tradicional ofrenda floral no adro da igrexa á escultura do derradeiro xuíz do Couto Mixto, Delfín Modesto Brandón. Asistiron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, ademáis do presidente da asociación organizadora, Luis García Maña.

Este foi un territorio con dereito propio no que os veciños escollían nacionalidade poñendo unha letra na porta e gozaban de independencia perante os reinos de España e Portugal, ademáis serviu en tempos de refuxio para os perseguidos. O cometido desta asociación é conservar a súa historia e tamén reivindicar desde o propio espazo a normalización do galego, “pois aquí foi sempre o normal, falar na lingua galega”, suliñou Cid, que remarcou tamén que “fixemos pontes entre Galicia e Portugal, pois quen puxo estes marcos por toda a raia seca non sería quen de explicar cal é a diferenza dun lado e o outro”.

Participantes no acto, no adro da igrexa.

Participantes no acto, no adro da igrexa. / INAKI OSORIO

Xosé Manuel Cid aproveitou para anunciar o crecemento da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto, creada o ano pasado “para ampliar a nosa voz e poñer no mapa mundial esta cultura arraiana”. Aos académicos que xa a integran –Luis García Mañá, o propio Cid e Paula Godinho–, sumaranse nos vindeiros meses a arqueóloga e docente Beatriz Comendador e o historiador e tamén profesor Américo Rodríguez.

Suscríbete para seguir leyendo