O médico de Atención Primaria Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é o gañador do XLI Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra “A inmoral doutora Cons”. Foi seleccionada entre 25 orixinais presentados ao certame, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, e que está dotado con 15.000 euros e unha peza de Acisclo Manzano. A concesión do premio conleva a publicación da novela na editorial escollida polo gañador.

O xurado destaca a “habilidade do autor para reconstruír un tempo pasado” –a década dos 50 do século XX– e “o retrato certeiro do rural galego, cun matiz ourensán, fronte á perspectiva dunha médica que chega de fóra e que loita con valentía para desbotar prexuízos instalados naquela sociedade, principalmente no eido sanitario”. Ademais, o xurado destaca o “tratamento acaído da perspectiva de xénero, a construción dos personaxes e o bo manexo dos diálogos, con acenos próximos á obra de Eduardo Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro”.