Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sarabela leva ás taboas “Arraianos”, o mundo mítico da Raia Seca

A compañía fixo onte un pequeno avance da obra que se estrea o venres no Principal. | // IÑAKI OSORIO

A compañía ourensá Sarabela Teatro da un “salto mortal sen rede” e leva ás táboas, por primeira vez, unha das obras fundamentais da literatura galega, “Arraianos”, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Un clásico contemporáneo formado por dez relatos que tamén se estreará nos vindeiros días na gran pantalla no marco do Festival de Cine de Ourense, que arranca o 23 de setembro. O filme “O corpo aberto”, de Ángeles Huerta, está inspirado no conto ‘Lobosandaus’, con Tamar Novas no papel do mestre que no 1909 chega a unha aldea da raia para ensinar na escola unitaria.

Este relato matriz na obra de Ferrín, xunto con ‘Medias azuis’, foi escollido tamén por Sarabela para levar o clásico do escritor ourensán ao teatro. A obra, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda, estréase este venres no Teatro Principal, e estará en cartel ata o domingo, cunha sesión diaria ás 21.00 horas, agás o último, que será ás 20.00. A partir de aí, “Arraianos” iniciará a súa xira.

Un reto dos máis difíciles

Nas mesmas táboas nas que se estreará a obra presentouse onte o espectáculo que pon en escea a Fernando Dacosta, Fina Calleja, Elena Seijo, Sabela Gago, Fran Lareu, Fernando González e Vadim Yuknevich. Un elenco “formidable e sólido”, manifestou Ánxeles Cuña, formado por actores e actrices “veteranos, profesionais e entregados”. A directora amosou a emoción coa que a compañía afronta este novo proxecto, e recoñeceu tamén que é “un reto dos máis difíciles desde a súa existencia pola tremenda capacidade fabuladora do seu autor”, afirmou. Neste senso, o vicepresidente segundo da Diputación, César Fernández, sinalou que o “éxito” está garantido tendo en conta a traxectoria de Sarabela, unha compañía referente no teatro galego.

'Medias azuis' e 'Lobosandaus'

O “Arraianos” que chega esta fin de semana ao Teatro Principal é unha adaptación de dous dos dez relatos literarios de Ferrín feita por Ánxeles Cuña e Fernando Dacosta: ‘Medias azuis’, onde se mesturan antigas lendas de meigas co mundo dos posuídos, e ‘Lobosandaus’, no que se fala de supersticións e mitos. “Relatos de historias de fronteira, da ‘raia seca’, un mundo novo e mítico creado polo autor, no que viven personaxes misteriosos en tempos e momentos históricos diferentes”, describiu Ánxeles.

Presentación da obra no Teatro Principal, onte. INAKI OSORIO

A dramaturga destacou a “calidade extraordinaria” de Ferrín, un escritor, lembrou, “que foi varias veces proposto ao Premio Nobel de Literatura, un autor fabuloso, inmenso”.

Na presentación participou tamén a xefa do servizo provincial de Coordinación Cultural da Xunta, Sandra Quintas.

Compartir el artículo

stats