Allariz reúne nesta primeira fin de semana de xullo algúns dos nomes máis estimulantes da literatura galega e española dos últimos anos. O primeiro Festival Literario de Allariz (FLAZ) celébrase durante os días 1 e 2 de xullo, con encontros nos que participan os autores Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero. Por que, como e para que escribir hoxe en día serán cuestións centrais, que compartirán estas seis figuras da literatura actual. Dous días para dialogar, entre eles e co seu público lector, nun novo festival promovido pola libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz. As conversas terán lugar na Casa da Cultura.

Nesa mesma liña de encontro entre a comunidade lectora e os autores, o FLAZ abre a inscrición para os xantares compartidos coas figuras convidadas nos restaurantes colaboradores Alarico e Fío de Liño. As prazas son moi limitadas e a inscrición pode facerse en airaeditorial.gal/seccion/

O venres 1 de xullo, ás 12 horas, Emma Pedreira e Juan Tallón conversan arredor do tema “Por amor á arte. A literatura como manifestación artística hoxe”. Ás 18.30 horas, Katixa Agirre e Edurne Portela falarán sobre “O pasado é un país estranxeiro. Tamén en Euskadi?” O sábado ás 12, Diego Ameixeiras e José Ovejero debaterán sobre o suspense na literatura actual. Ás 18.30 horas péchase esta primera edición do festival cunha mesa redonda dos seis autores, sobre o tema “Para que serve hoxe a literatura?”