O economista, escritor e exvicepresidente da Xunta de Galicia Carlos Mella Villar (A Estrada, 1930) recibiu onte o Premio Trasalba de 2022, que concede a Fundación Otero Pedrayo. O acto desenvolveuse no Pazo-Museo de Trasalba, en Cimadevila (Amoeiro). Asistiron diversas autoridades e personalidades, como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, a catedrática en Historia da Arte, Victoria Carballo-Calero –galardoada en 2021–, o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Jose Eduardo López Pereira, ou o expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen se encargou da laudatio do homenaxeado. Tamén asistiron a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, o secretario e director xeral de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, así como varios alcaldes da zona e mais o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Gabriel Alén.

Unha actuación musical durante o acto. | // IÑAKI OSORIO

A Fundación Otero Pedrayo otorgou o recoñecemento a Carlos Mella, por unanimidade, “en recoñecemento ao seu compromiso e traxectoria vital, na que destacan a entrega á causa da cultura galega”.

O Premio Trasalba é unha festa da literatura que, desde a primeira edición en 1983, recoñece e persoeiros relevantes da cultura galega. Teñen acadado este galardón figuras como Xaquín Lorenzo, Isaac Díaz Pardo, Pura Vázquez, Ferrín, Xosé Neira Vilas, Milladoiro, Olga Gallego, Antía Cal, Agustín Fernández Paz ou Luz Pozo Garza.