A camiñada que volve tralos pasos de Nós un século máis tarde

Cen persoas participan nunha andaina entre Ourense e Amoeiro, lembrando a que fixeron a Santiago de Compostela, en 1926, Otero Pedrayo e Vicente Risco, entre outros

Arriba, unha foto do camiño a Santiago dos ilustres de Nós, en 1926. Abaixo, o comezo da andaina de onte.

Arriba, unha foto do camiño a Santiago dos ilustres de Nós, en 1926. Abaixo, o comezo da andaina de onte. / FUNDACIÓN OTERO PEDRAYO - FERNANDO CASANOVA

J. F.

En xullo de 1926, Otero Pedrayo e Vicente Risco, entre outros, adicaron catro días das súas vacacións a percorrer a pé o camiño entre Ourense e Santiago de Compostela. A iniciativa non era allea ao ideario defendido polo Seminario de Estudos Galegos que, apenas dous meses antes, botara a andar as célebres xeiras, coas que procuraban a catalogación sistemática do patrimonio e o estudo minucioso e interdisciplinar da realidade galega.

Defendían que só a pé, sen présas, é posible ter un coñecemento exacto de Galicia. Así sucedería, co paso dos anos, en diversas zonas de Galicia: en Monforte na primavera de 1926, no Carballiño e no Ribeiro ao ano seguinte, na comarca do Deza (1928-1935), en Terra de Melide en 1929, ou en Fisterra, onde os homes de Nós recibiron a noticia do inicio da Guerra Civil.

Para lembrar aquela andaina a pé de figuras senlleiras, a Fundación Otero Pedrayo organizou onte unha camiñada que volveu tralos seus pasos, facendo a primeira etapa: entre Quintela –o punto de partida en Ourense– e o pazo de Trasalba, en Amoeiro, despois de deixar atrás a dura pendente a Castro de Beiro. En total, nove quilómetros de traxecto.

Participantes como Otero Pedrayo ou Vicente Risco na andaina de xullo de 1926.

Participantes como Otero Pedrayo ou Vicente Risco na andaina de xullo de 1926. / FUNDACIÓN OTERO PEDRAYO

“Preferiron o camiño dos peregrinos medievais, o camiño dos arrieiros, moito menos transitado”

Naquel camiño participaron, hai case un século, ilustres como Otero Pedrayo, Risco, Antón Sánchez, Lois Feijóo, Antón Sánchez e Xavier Pardo, que saíron dende Ourense. Florentino López Cuevillas e Alfonso V. Monxardín sumáronse en Silleda. No Pico Sacro, a onde foron antes de entrar en Compostela, acudiron varios rapaces do Seminario de Estudos Galegos.

Partiron na madrugada do xoves 8 de xullo de 1926 e chegaron ao Obradoiro o domingo 11. Era ano xacobeo e desbotaron conscientemente o trazado da Vía da Prata. Segundo explica Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo, “preferiron o camiño dos peregrinos medievais, o camiño dos arrieiros, moito menos transitado”, que os había levar de Amoeiro ao Carballiño e de alí ao Irixo, Silleda, Bandeira e Compostela.

Xavier Pardo escribiría, a partir dun diario de Risco, o relato daquela viaxe, en seis artigos para ‘A nosa terra’. A fundación reproduciu o texto en formato libriño e entregou un exemplar a cada un dos participantes na andaina de onte.

Un cento de persoas participou na andaina de onte, entre Quintela e Amoeiro.

Un cento de persoas participou na andaina de onte, entre Quintela e Amoeiro. / FERNANDO CASANOVA

Tamén recibiron chocolate con pan de Cea, como fixeron e deixaron escrito os de Nós. Ao remate da camiñada, en Amoeiro, celebrouse unha comida campestre. Ás 17 horas houbo unha visita teatralizada á casa museo de Otero Pedrayo.