Cristina Pato publicará a súa primeira novela, “No día do seu enterro”, na colección Literaria de Galaxia. O contido trata sobre o poder da palabra, sobre a nobreza dos invisibles e sobre as verdades non contadas. Trátase dunha conmovedora historia sobre o que significa reconstruír a vida para poder sacar adiante unha familia.

A gaiteira ourensana debuta como novelista, e faino na Editorial Galaxia, cunha historia personalísima que pon en valor a grandeza do pequeno, dos actos desintesados e das accións que ninguén ve pero que son capaces de transformar a sociedade. Unha lectura emocionante e imprescidible.

A partir da inesperada morte de seu pai, as irmás Raposo comezan unha viaxe vital que as leva a descubrir as múltiples realidades da cidade de Ourense en que se movía o seu pai.

Unha artista polifacética

Cristina Pato naceu en Ourense en 1980. É música, escritora, educadora e produtora. Foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía”, polo prestixioso xornal The New York Times. Na actualidade, a súa vida profesional está centrada na exploración do rol das artes na sociedade a través da docencia e da produción.

Pato traballou como artista en residencia na Universidade de Nova York (NYU), na Universidade de Harvard e na Universidade de California, en Santa Barbara. Ademais colaborou durante quince anos co Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma. Como escritora e como columnista tamén ten experiencia. Gañou o XVII Premio Afundación de Periodismo Fernández del Riego. No ano 2022 publica a súa primeira novela, “No día do seu enterro”, coa Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022). Actualmente Pato divide o seu tempo entre Nova York e Galicia, e comparte a súa vida co fotógrafo Xan Padrón.