Non deixo de pensar en que, se gañan o Benidorm Fest, cando as Tanxugueiras suban ao escenario do pabellón olímpico Palasport de Turín, onde se celebrará Eurovisión en maio, e se escoiten as ferreñas das súas pandeiretas e os ritmos urbanos cos que mesturan a tradición para tecer unha proposta musical actual, alí estaremos con elas, tamén, varios millóns de galegos de todas as xeracións: novos, vellos, devanceiros.

Resoarán nas voces de Sabela, de Aida e de Olaia a de centos de cantareiras que gardaron a nosa memoria coa tradición oral. Estarán canda elas, en espírito, os milleiros de músicos que mantiveron viva a nosa herdanza cultural. Profesionais e afeccionados, desde os gaiteiros de Ventosela e de Soutelo, desde Milladoiro e Carlos Núñez, ata o último rapaz que comeza a pousar os dedos nun punteiro para coñecer as notas. Desde Wenceslao Cabezas Polo, Xacarandaina, Leilía, Faltriqueira, Ialma ou Xabier Díaz, ata as nenas do Tik Tok a quen aprenden a termar da pandeireta como primeiro paso para tocaren un día.

Con ‘Terra’, que supera os tres millóns de visualizacións en Youtube un mes despois da estrea na plataforma, estaremos representados por unha canción que homenaxea as antigas –o “xeito das nosas nais”–, e que reivindica: “Que nos escoiten berrar; non hai fronteiras”.

Por un idioma que axuda a comunicarnos desde Petín ata Salvador de Bahía, desde Ortigueira ata Luanda. Por unha proposta que lembra que en España hai máis linguas oficiais, é dicir, máis formas de pensamento. No retrouso, as Tanxugueiras cantan por todos os territorios deste país: “Ez dago mugarik” (euskera), “No hi ha fronteres” (catalán), “Nun hai fronteres (asturianu)”. Se Galicia vai a Eurovisión non estará soa.

Non moi lonxe do Palasport de Turín, a unhas dúas horas en coche, uns mozos do concello ourensán de Cea viaxaron ás faldas do Montblanc a comezos deste século. Na paisaxe glaciar de Peuterey, en Aosta, tocaron xunto a Carlos Núñez o himno das nacións celtas, ‘Greenlands’.

A banda de gaitas de Cea participou en 2002 e 2003 no festival Celtica, en Aosta (Italia).

Tamén estaban no escenario o actor Seoras Wallace, do Clan Wallace –William Wallace é lembrado na película gañadora de cinco premios Oscar ‘Braveheart’–, e o compositor da melodía, Dan Ar Braz. O cantautor bretón, fundador de ‘L’Heritage des Celtes’, representou con esa formación a Francia en Eurovisión, en 1996. Interpretaron ‘Diwanit bugale’, en lingua bretona.

A 1.500 metros de altitude, un rapaz coma min, que de pequeno rompía as palletas para non ter que ensaiar, alcanzaba o cumio para un afeccionado: fomos unha parte minúscula dunha representación inmensa. A tradición de varios pobos e de varias xeracións fluía a través de nós, tocamos instrumentos da memoria.

É o ano das Tanxugueiras, como palabra e como expresión artística. É o momento de que Galicia amose ao mundo quen fomos e quen queremos ser.