As fundacións herdeiras da Xeración Nós reúnense polos 101 anos da revista

Representantes das fundacións Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Antón Losada Diéguez. |   // F. C.

Representantes das fundacións Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Antón Losada Diéguez. | // F. C. / Edith Filgueira

Edith Filgueira

A idea xurdiu tras recoller, no mes de abril, a medalla que o Parlamento de Galicia concedeu ás fundacións descendentes da Xeración Nós –que dan continuidade á memoria e a labor dos galeguistas que a integraron–. Deste xeito, os representantes da Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Castelao, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Vicente Risco coincidiron no espazo e no tempo de novo. E decidiron que a xuntanza non debería ser unha excepción. Así, planearon reunirse anualmente para facer forza pola cultura.

“Decatámonos de que era importante manter o contacto para continuar co legado. E concretámolo agora institucionalizando un xantar anual. Nesta ocasión quixemos que estivera próximo á data na que se conmemora a publicación do primeiro número da revista NÓS, que foi o 30 de outubro”, explica Celia Pereira, presidenta da Fundación Vicente Risco. Ese, e non outro, é o motivo polo cal a reunión levouse a cabo cando se cumpren 101 anos daquel alumeamento.

Con este encontro as fundacións, que manteñen vivo o legado destes catro xigantes da nosa cultura, pretenden ser quen de sacar adiante novos proxectos e atopar un punto de encontro permanente, onde compartir fraternalmente e intercambiar ideas e análises que poidan ser abordados de forma conxunta, primando sempre a cultura.

"Pasámonos todo o día negociando, aproximando posturas, coa familia ou no traballo. Neste caso queremos que as diferencias que poidan existir entre as persoas que conformamos as fundacións queden nun segundo plano"

“Penso que as veces a xente equivócase. A cultura non está libre de política. Está claro que non é o mesmo, por exemplo, unha política que promocione o uso do galego que outra que non. E iso está condicionado por cuestións de carácter político. Outra cousa é que non teñamos costume de empregar o diálogo e a negociación para chegar a acordos. O problema é cando as siglas pesan máis que o ben común da sociedade. Pasámonos todo o día negociando, aproximando posturas, coa familia ou no traballo. Neste caso queremos que as diferencias que poidan existir entre as persoas que conformamos as fundacións queden nun segundo plano. Se os da Xeración podían facelo, con moitos menos medios dos que temos nós, non temos excusa”, expón Pereira.

Ourense como epicentro

O enderezo que apareceu naquel primeiro número da revista NÓS era o da casa –na rúa Santo Domingo– do director literario da mesma: Vicente Risco. E desde Ourense impulsaron a publicación Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez ou Florentino López Cuevillas, entre outros. Precisamente por isto, o xantar tivo lugar no Liceo da cidade –polo que tamén pasaron algúns dos célebres escritores–.

“Persoalmente, creo que houbo unha recesión no xeito de entender a cultura. Eu tiña un avó suscrito a un xornal pese a ser labrego e carniceiro. Había outra inquedanza que agora semella non existir. Un interés polo saber que desapareceu na súa ampla maioría”, opina a directora da fundación.

Neste senso, queren impulsar, de novo, o gusto polo coñecemento e a súa transmisión. Dotar á sociedade galega dun elemento vertebrador máis potente do que a priori pode parecer a cultura.

Máximos representantes da Fundación Vicente Risco, no Liceo de Ourense.

Xosé Rodríguez Díaz (secretario da Fundación Vicente Risco), Elvira Carregado (tesoureira da mesma) Celia Pereira Porto (presidenta) e Antonio Blanco Rodríguez (vicepresidente da entidade). / Fernando Casanova

O espírito fundador

Naquel primeiro número da revista deixaron claro que ao grupo podía unirse quen quixera cunhas liñas que, de publicarse hoxe en día, poderían ser revolucionarías. “Endexamais foi meirande a nósa actividade creadora. Nós ven a recoller todos eses esforzos de integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo”, comezaba o editorial.

"Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete"

“Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respecto das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser até clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo colectivo de superación, a orgullosa satisfación de seren galegos”, aglutinaban os seus creadores.

Nesta mesma liña queren traballar desde as catro fundacións. Recoller o espírito de unión e entendemento e botar a andar novos proxectos. “Polo de pronto podemos dicir que, coa pandemia aínda dando coletazos, xa foi un éxito que conseguisemos xuntarnos. Agora é a nosa quenda de amosar que somos quen de continuar con aquel espírito colectivo de paixón polo saber”, remata Pereira.

Ao xantar tamén acudiron, entre outros, Xosé Rodríguez Díaz (secretario da Fundación Vicente Risco), Elvira Carregado (tesoureira da mesma) e Antonio Blanco Rodríguez (vicepresidente da entidade).