No seu currículo abundaban os recoñecementos pola súa poesía e os seus relatos breves, mais ata o de agora non chegara ningún galardón por unha historia novelada. O Concello de Ourense vén de outorgarlle a María Carmen Caramés (Santa Comba, 1966) o Premio Risco de creación literaria 2021 por ‘A casa da Mina’, na que afonda no pasado recente das mulleres do rural galego narrando a vida dunha traballadora das minas de volframio de Varilongo –na actualidade, sen actividade–.

O xurado, formado por Xesús Marcos López (último gañador do certame), a profesora Susana Losada Soto e Rosa Díaz Naya (directora da Bilbioteca Nós), premiou a súa obra –de entre as 27 que este ano se presentaron– por considerala unha “atinada descrición da miseria do rural, nun relato de superación da súa protagonista”. Trátase, segundo a deliberación publicada onte, “dunha novela de lectura amena, crítica cos poderes establecidos, onde unha igrexa omnipresente condiciona a vida da xente”.

Sobre este último punto a autora recoñece que, en xeral, as relixións levan suposto unha losa para o avance das mulleres na sociedade desde fai séculos, pero que ela abordou a que coñece máis de preto por ser a imperante en Galicia. “O maior sometemento da muller sempre foi a través da relixión”, denuncia.

Mestura realidade e ficción

“A primeira novela gustoulle moito á xente, polo que me comentaron. Pero esta faime especial ilusión porque para min representa unha homenaxe as miñas orixes e a miña familia. A todas esas conversas que me narraban os meus avós sobre como era a vida en Santa Comba cando o volframio movía a economía. É un reflexo de como funcionaba todo antes, durante e despois das minas”, explica Caramés sobre o que o lector atopará no libro que se publicará nos vindeiros meses.

Cos relatos da xente da zona e a súa imaxinación, xurdiron unhas páxinas nas que se mestura a realidade coa ficción, posto que algúns dos nomes de personaxes corresponden a persoas de Santa Comba. “Daqueles dos que tiven consentimento explícito, empreguei os seus nomes reais. Iso non ten outro obxectivo que homenaxealos. O que ocorre é que aqueles aos que lles cambiei o nome acábase tamén sabendo quenes son, porque isto é moi pequeno”, confesa sobre unha localidade que supera por pouco os 9.000 habitantes.

Pechar ciclos

A súa anterior novela tamén ten como protagonista unha muller do rural, pero con esta gustaríalle pechar ese ciclo na súa escrita. “No libro falo incluso da discriminación que había dentro da propia mina. O traballo das mulleres relegábase, fundamentalmente, aos lavadoiros. Neste senso, perseguía que non se perdese o noso pasado, xa que cada vez é máis complicado falar con superviventes, e á vez que se recoñecese a labor das mulleres. Ademais eu empezo sempre escribindo as historias polo final. Imaxino o desenlace e a partir de aí deconstrúo a historia”, remata Carmen Caramés.