Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historia

O proceso do exalcalde do Carballiño Aquilino Sánchez

Rúa adicada a Aquilino Sánchez na vila do Carballiño.

Na sesión do 19 de abril F. Álvarez fixo efectiva a súa demisión por incompatibilidade co seu recentemente estreado cargo de presidente da Deputación, resultando elixido, en segunda votación, para substituílo A. Sánchez Rodríguez en representación de Izquierda Republicana (IR). Escaso foi o labor que o novo alcalde puido desenvolver nos tres meses que preceden á sublevación: solicitude á Deputación dun novo camiño veciñal a Señorín, coordinación das eleccións de compromisarios, contribución ó mantemento da orde durante a folga do ferrocarril da primavera –que, por certo, o desgastou considerablemente ós ollos de certos elementos “de orde” partidarios de actuar con máis enerxía contra os “revoltosos”– e propaganda e coordinación do plebiscito do Estatuto de Galicia.

Non é o momento para estendermos en demasía sobre a resistencia que o golpe militar do mes de xullo atopou na vila. O gobernador civil, Gonzalo Martín March, ordenou a Aquilino Sánchez e a Felisindo Álvarez, reunidos no despacho da alcaldía xa na tarde do dezaoito de xullo, que se mantivesen á expectativa e denegasen a solicitude de armar ós obreiros como se pedía dende a Casa do Pobo. A tranquilidade era a nota dominante en Ourense e daquela aínda se pensaba en que a asonada militar sería facilmente controlada polo goberno. Na xornada do dezanove se declarou a folga en apoio das autoridades lexitimamente constituídas, e grupos dispersos de obreiros apareceron patrullando as rúas: contados deles estaban armados con pistolas e escopetas de caza, pero a maioría só tiñan grosos paos. Paralelamente un grupo de partidarios do levantamento que se pecharan nun baixo agardando instruccións foron inicialmente detidos por orde do alcalde, pero non tardaron en ser postos en liberdade sen que fosen molestados polos esquerdistas. Asemade, a unha hora non precisada, un grupo de individuos procedentes de diferentes puntos da comarca se presentaron armados na alcaldía esixindo entrevistarse con A. Sánchez, ó que lle preguntaron se era preciso que defendesen o concello. Este pediulles que regresasen ás súas casas porque coa súa actitude só o comprometían a el e se comprometían a eles mesmos, sen que puidesen facer nada para decidir a sorte da sublevación que ía ganando terreo paseniñamente a xulgar polo que transmitían as emisoras rebeldes.

O alcalde ordenou que os comerciantes autorizados para a venda de armas fixesen entrega das mesmas no concello pero, como acontecera na capital da provincia, as autoridades republicanas non controlaban xa os resortes do poder: a orde foi desobedecida argumentando que estaban baixo a intervención da Garda Civil, única autoridade que recoñecían nesta materia. Nin que dicir ten que vinte e catro horas despois servirían para armar ós primeiros milicianos que se suman ó golpe na comarca. Durante a maña do día vinte os grupos armados, que nos momentos álxidos chegaron a contar segundo diversas testemuñas con preto de douscentos individuos patrullando polas rúas –a bo seguro a cifra debeu de ser sensiblemente menor–, seguiron facendo ostensible a súa presencia na vila especialmente nos arredores da Praza Maior, lugar de concentración e de recepción de consignas e de novas sobre a marcha da sublevación. Sen embargo, ó pouco de confirmarse a declaración do estado de guerra, as patrullas se disolveron sen a máis mínima alteración da orde e sen exercer violencia algunha sobre as persoas nin as cousas. Cando A. Sánchez tivo coñecemento desta declaración “(...) como alcalde de la localidad acató la medida, pero bajo el punto de vista de que obedecía a órdenes de dicho gobierno de Madrid y no a medida tomada por la autoridad militar, puesto que, cuando más tarde conoció la realidad, dijo en público que él no podía continuar en el desempeño de sus funciones puesto que los hechos no respondían a las órdenes que tenía del gobernador” . Despois de poñer en coñecemento dos alcaldes de barrio a declaración do estado de guerra aínda permaneceu dous días á fronte do concello, cesando o día vintetrés.

A partires da tarde do día vinte o cárcere municipal vaise enchendo de presos gobernativos: os dirixentes máis destacados que non fuxen ós montes e poden ser detidos e os obreiros que secundaron o paro convocado pola Casa do Pobo son os primeiros en ingresar. Aquilino Sánchez non tarda en ser trasladado á prisión de Trives, onde terá coñecemento das actuacións que contra el se estaban a incoar a partires do atestado instruído os días vintecinco e vinteseis de agosto polo cabo-comandante do posto da Garda Civil de O Carballiño, José García Rojo. Oficialmente este tivo a súa orixe nunha denuncia formulada diante do mesmo na que se lle daba conta das patrullas armadas que circularon polas rúas a partires da noite do dezanove de xullo e das ordes de requisa de armas ás que aludiamos. No atestado declararon os devanditos industriais, limitándose a reproducir o apuntado en relación á entrega de armas, facendo outro tanto o garda municipal Manuel Álvarez Fernández. Tamén o fixeron Emilio Nogueira Barreiro e José Fernández Guerra, que se atopaban no depósito do partido, e tamén confirmaron as conversas mantidas co alcalde e o presidente da Deputación relativas á marcha da sublevación os días dezanove e vinte de xullo, a gran concentración de obreiros existente nalgúns intres e a negativa do alcalde a entregarlles armas.

Estes testemuños lle bastaron ó instructor para estimar probado “que el alcalde de esta villa (...) puesto de acuerdo con el Gobernador Civil de la Provincia trató primeramente el día diez y ocho de julio de que las organizaciones obreras de esta localidad se aprestasen a la defensa de acuerdo con las noticias suministrada por la Radio de Madrid (...) preliminar para la preparación de la subersión (sic) que había de provocarse en contra del Ejército en el mismo momento de declararse el Estado de Guerra (...)”. Ó mesmo tempo recoñecía que “(...) por conducto de diferentes sectores de la población se ha venido en conocimiento de que el alcalde Don Aquilino Sánchez, recomendó a las masas por medio de sus dirigentes que estas tuviesen cordura y no cometiesen desmán alguno, pero lo cierto es que no puso los medios adecuados para evitar el espectáculo poco edificante de unas masas armadas que en cualquier momento pudieran haberse desbordado como consecuencia de una doctrina disolvente en que fueron educadas”. O informe de conducta asinado polo citado cabo sintetiza a dualidade que caracterizou a numerosas zonas do Estado durante os meses que precederon ó golpe, e que foi reiterada e interesadamente aducida como xustificación do mesmo: “(...) su actuación desacertada le proporcionó serios inconvenientes en su gestión pues si bien por su condición de mediano burgués no estaba en armonía con la actuación disolvente de las masas proletarias en los diferentes conflictos sociales por las mismas planteados, es lo cierto que carecía completamente de autoridad para imponerse a las mismas debido al pacto político que enjendró (sic) el Frente Popular, pudiendo decir, sin temor a equivocarse, que era un elemento prisionero de aquellas organizaciones al dictado de las cuales actuaba aun cuando ello llevase consigo la comisión de algún atropello o injusticia” .

Elevadas a causa as dilixencias instruídas e ratificadas as testemuñas anteriores en presencia do xuíz instructor César Caamaño Touchard –posteriormente substituído polo comandante Ramón Ulloa Sotelo–, se lle toma declaración ó ex-alcalde sendo inmediatamente procesado o 15 de setembro por un delicto de traizón. Remitido o actuado a consulta ó auditor de guerra, este ordenou a devolución da causa ó instructor para que “se acredite en autos si en los días que precedieron a la declaración del Estado de guerra, al declararse este estado o después de él, tuvieron lugar en la villa de Carballiño sucesos de carácter revolucionario, agresiones a la fuerza pública o se ejecutaron violencias en las personas o en las casas (...) y si los hombres que se dice anduvieron armados actuaron en dicha villa o fueron enviados para actuar en otros lugares contra el Ejército” . Naturalmente a resposta do responsable da Benemérita foi negativa en todos os casos, sen perder ocasión para salientar que o alcalde se mantivo en todo momento fiel ó Goberno ata que lle foi comunicada a declaración do estado de guerra.

O 15 de outubro o fiscal xurídico-militar, Hernán Martín-Barbadillo, modificaba nas súas conclusións provisorias a cualificación xurídica dos feitos realizada polo instructor, estimando a comisión dun delicto de adhesión á rebelión definido e penado no art. 238,2º do Código de Xustiza Militar, polo que solicitaba a imposición dunha pena de reclusión perpetua a morte. Catro días máis tarde o procesado escollía como defensor entre unha lista de dezaseis oficiais ó capitán Manuel Enríquez Rozas.

O consello de guerra celebrouse o día vintetrés no salón de actos da Caixa de Recrutas. O presidía o tenente coronel de Infantería e gobernador civil da provincia Manuel Quiroga Macia, actuando como vocais os capitáns Carlos Rodríguez Reigada, Julio Ballesteros Curiel, Ceferino Blanco González, Amadeo Rodríguez Iglesias e Ángel Martín Mouriño; como relator figuraba o tenente-auditor Juan de Villavicencia y Pereira e como fiscal o de igual grao Ramón Rivero de Aguilar y Otero. Durante o mesmo só aparece recollido en acta o testemuño do secretario do concello e do tenente da Garda Civil, que coinciden en salientar o carácter de orde do procesado e a ausencia de desmandos por parte das masas.

Compartir el artículo

stats