María do Ceo en Redondela
![María do Ceo en Redondela](https://estaticos-cdn.prensaiberica.es/clip/70bd9e84-9e90-4696-b518-07a15f73e453_16-9-aspect-ratio_default_0.jpg)
María do Ceo en Redondela / Xosé González Martínez*
Xosé González Martínez*
María do Ceo vén de publicar un novo disco, “Galicia Nai”, que teño a honra de prologar. O repertorio inclúe poemas de Manuel María, Armando González, Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Ricardo Carballo Calero, e Xosé Velo Mosquera, personaxe tan admirado por min.
No prólogo escribín que María do Ceo usa a súa voz como vehículo para transmitir emocións e sentimentos, pero sen espaventos nin demasiados floreos, cunha voz cálida e suave nalgúns momentos, e doce e melancólica noutros. María ten unha forma de cantar e tan súa de entender a canción galaico-portuguesa que xa é un selo que a fai diferente.
Por iso son dos que pensan que María do Ceo, sen esquecer esas aptitudes musicais que lle veñen do berce de alén Miño, foi, co paso dos anos, botando raíces aquí, ata o punto de ser unha valedora da lingua galega e dos poemas escritos por autores galegos. Semella como se fosen escritos para que os cantase unha voz e unha sensibilidade musical como a súa.
Hainos que pensan que María do Ceo é unha fadista. E non van equivocados, iso si, se non a circunscriben unicamente a ese estilo musical que interpreta con deliciosos acentos. Aínda que a dicir verdade, os fados que canta María non son alentexanos, son do norte, onde nós os galegos e máis eles, os portugueses, cohabitabamos na histórica Gallaecia. Velaí porque na construción dese espazo histórico, agora proxecto de rexionalización europeo, María do Ceo participa na súa reconstrución coa súa inconfundible voz, unindo tonadas de alén Miño e composicións con textos de autores galegos.
O próximo día 2, ás 18:00 horas, na Praza de Ponteareas, que noutrora foi un nó de comunicacións con evidente deterioro por mor dalgunha construción que afeaba a contorna daquel espazo histórico, e agora remodelado polo goberno municipal de Redondela, será o escenario dun concerto de María do Ceo.
O lugar escollido para o concerto garda na miña memoria diversas evocacións. O mosteiro que lle servirá de fondo acolleu durante o tempo que exercín o meu labor cultural naquela institución municipal varias xuntanzas de rexedores de concellos galegos con castelos, torres e lugares singulares (tales como a Illa de San Simón), ou que teñen danzas brancas, coa intención de buscar a través desas organizacións a preservación dos respectivos patrimonios materiais e inmateriais. Tamén foi escollido para asinar a “Declaración das mil festas para a lingua galega”, que dinamizou a galeguización dos espazos festivos dos rexedores que responderan á convocatoria, con propostas novidosas, tales como a interpretación do Himno Galego no momento cume das misas maiores das festas patronais.
O concerto de María do Ceo témolo que encadrar nun novo chamamento aos organizadores de festexos populares para galeguizaren as súas programacións, devolvéndolles deste xeito a orixinalidade da autoctonía fronte a interferencias alleas que atentan contra a identidade cultural de Galicia; un obxectivo para o que se precisa constancia sen acougo, tal e como o explica Pepe Velo no poema musicado por María do Ceo: “Pois que preguntar, xa sabes/ de onde me vén o folgo/para cantar miña esperanza:/da visión do futuro/anque sempre se chega/endexamais se alcanza”.
Maria do Ceo é, en definitiva, a celebrada xograresa que preconiza coa súa voz unha Galicia máis de noso, uníndose na distancia do tempo con Mendiño, aquel poeta do que nada sabemos, autor dunha soa composición na historia da lírica medieval galega de gran proxección internacional. Ambos os dous, Mendiño e María do Ceo, son, por dereitos propios, en cadanseu tempo, os cantores da agardada reconstrución da Gallaecia.
*Presidente do Foro E. Peinador.
- Máxima alerta de la Policía Nacional por el mensaje que está llegando a los móviles de miles de personas
- Una belleza de armas tomar
- Un nutricionista desvela qué es lo primero que le quita a los pacientes que quieren adelgazar
- Uno de los dos tripulantes gallegos desaparecidos sobrevivió al secuestro del atunero Alakrana del 2009
- El abandono no entiende de razas ni de dinero: mascotas que valen miles de euros llegan a A Madroa
- Condenan a dos años y medio de prisión al maquinista del Alvia y al exdirector de Seguridad de ADIF por el accidente de Angrois
- La familia del vigués que murió tras el concierto de Karol G anuncia denuncia: 'No hubo forcejeo ni pelea
- Mujer de más de 45 y sola busca ayuda