Enerxía eólica si, pero non así

Carmen Vallejo Pérez

Leo con interese que Galicia arrinca o ano como líder nacional en enerxías renovables. De feito, só no Concello de Muras hai máis potencia eólica instalada que en seis das dezasete comunidades autónomas. Un fito, se non tivese unha indesexable cara B: a da despoboación e a perda de diversidade que acompaña aos parques eólicos. Cando se promociona a súa instalación, só se venden os efectos externos positivos. Para os que descoñecen este termo, trátase dunha especie de efectos secundarios non buscados pola empresa que explota o recurso (o vento que sopra no monte), pero que aparecen ineludiblemente, e convértense en custos sociais. Aos galegos e galegas pouco nos cunde ser líderes en enerxía renovable, nin a nivel doméstico nin a nivel empresarial. Non vexo que teñamos vantaxes derivadas desta cuestión, comparando cos usuarios da comunidade madrileña, por exemplo, na que tamén sopra o vento, pero non sofren o zoar das aspas dos muíños, día e noite; ademáis de ingresar nas súas arcas os impostos sobre beneficios das empresas eólicas. A empresa engorda a súa conta de resultados, o peto dos accionistas maioritarios e o orzamento madrileño; e os concellos afectados sofren a inexorable perda de poboación que os condea á desaparición. Coa promesa de que o parque eólico xera emprego e riqueza (efectos externos positivos), o que atopamos é unha estampa de difícil lectura: aldeas baleiras, vilas que van esmorecendo, veigas abandoadas, perda de biodiversidade, de patrimonio natural e arqueolóxico, e un longo etcétera (efectos externos negativos). É responsabilidade da Xunta confeccionar o balance social, e defender os intereses dos seus cidadáns, máis se cabe, dos que habitan no rural e manteñen a súa vitalidade para disfrute de todos e das xeracións futuras. Enerxía eólica si, pero non así. Grazas infinitas a Rodrigo Sorogoyen por darnos visibilidade e, xa de paso, amosar que un pode gañar un Goya, en Sevilla, cun filme titulado “As bestas”. Parabéns.