Síguenos en redes sociales:

Negacionismo climático

Na actualidade existen certas correntes negacionistas que no seu afán de confrontar todo feito obxectivo e demostrado empiricamente só conseguen crear confusión e incerteza na sociedade. O síntoma más visible é a cantidade de bulos sobre diversos temas que está a colonizar a opinión pública.

Un dos temas nos que máis incide este negacionsimo é o do cambio climático, rexeitando toda a evidencia científica e focalizando os seus ataques furibundos cara a unha realidade que só existe para estes grupos. Para ganduxar os seus discursos de oposición frontal e emendas á totalidade empregan ideas inconexas e sen fundamento. Os seus obxectivos son intentar mostrar argumentos que poidan calar na sociedade, tales como que o cambio climático é un ciclo natural, que a temperatura da terra apenas aumentou ou que certos “expertos” sobre a materia negan esta realidade.

Na contribución por difundir estas falsidades tamén colaboran certos sectores, grupos de presión e lobbies aos que non lles interesa facer fronte aos reaxustes que habería que adoptar para reducir o impacto do cambio climático, xa que as modificacións dos medios de produción e do propio sistema implicarían que deixaran de ingresar cantidades inxentes durante o período de transición.

Por conseguinte, o interese destes grupos explotadores dos recursos limitados prima sobre a saúde do noso fogar, un planeta cuxa vitalidade está a ser atacada por insensatos que só entenden o mundo como algo que lles pertence e do que son os únicos que deben instrumentalizalo no seu beneficio.

A súa mentalidade extractivista e maximalista non lles permite ser conscientes de que a comunidade non pode estar subordinada aos designios particulares de certas individualidades transgresoras coa evidencia.

O debate sempre é posible se as posicións defendidas teñen un substrato de mínima veracidade, senón o diálogo convértese nunha liorta entre quen defende a suposta verdade a través da desinformación e quen intenta desarticular as falsas afirmacións do adversario, e mentres tanto a incerteza segue campando polo espectro social, aumentando as visión interesadas de maneira exponencial.

Recentemente, un artigo de Fernando Savater volvía evidenciar que por desgraza aínda hai persoas supostamente ilustradas que non comprenden a realidade dun planeta que está a ser devastado pola actividade incesante do ser humano. A pesar diso, seguen enunciando os seus postulados como se fosen a verdade universal e provocan a contaminación dun clima que xa é bastante turbio.

Pulsa para ver más contenido para ti