A Asemblea Republicana de Vigo (ARV) fiel aos principios de laicismo que figuran no seus estatutos, remitiu varios escritos á Deputación de Pontevedra, ao Concello de Vigo e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia solicitando información sobre este proxecto. E aínda que aquí non se fará referencia a ningún deles, si creo imprescindible determe nun par de cuestións que, escandalosamente, xorden ao abordar este asunto.

Para ARV a colocación da estatua do Sagrado Corazón na Ermida de A Guía, non é outra cousa que un AGASALLO que, con diñeiro público, dúas institucións (a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo) lle ofrecen a unha entidade privada, a Igrexa Católica, a través dun edificio da súa propiedade. Isto é innegable.

Sabemos que o Concello de Vigo investirá 106.079,65 euros na colocación da escultura e a iluminación da Ermida do monte de A Guía, financiados na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra. Cómpre saber que fronte a este aporte de diñeiro público, o bispado de Tui-Vigo, propietario do inmoble, aporta cero euros.

Na opinión da ARV, esta entrega “disfrazouse” coa sinatura de varios convenios de colaboración entre o Bispado e o Concello de Vigo e entre este e a Deputación de Pontevedra, ambas institucións presididas por membros do mesmo partido, o PSOE.

O convenio de colaboración entre o Concello e o Bispado, asinado o 3 de novembro de 2020, ten como obxectivo proceder ao mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica no Concello de Vigo. O patrimonio a protexer non é pois de Vigo, senón da Igrexa e, xa que logo, privado.

Semella evidente que a colocación desta escultura non parecía xustificada nos supostos do convenio antes citado. Como solucionar pois este desaxuste? Pois en opinión da ARV, inventándose a peregrina e chusca idea de que o proxecto de Gómez Román estaba sen rematar.

Non parece discutible afirmar que unha obra queda inacabada cando o seu autor fai publica a súa insastisfación polo seu resultado final. Este suposto non se dá en Gómez Román, quen ao asinar a fin de obra tal como se coñece hoxe, non deixou anotación á marxe, nin nunca fixo declaracións públicas laiándose de que a Ermida da Guía quedara inacabada . Repárese en que Gómez Román morreu en 1964, doce anos despois de ter rematado a Ermida.

Neste sentido o recoñecido crítico de arte Carlos L. Bernárdez, nun artigo publicado neste mesmo xornal o 2 de xullo de 2020 dicía: “(..) a idea de por unha estatua dun Cristo como remate da torre da igrexa estaba nos proxectos de Antonio Palacios e Gómez Román, porén outra cousa ben distinta é o sentido que pode ter erguer unha escultura destas características no noso presente, tendo en conta que a actual igrexa, coa solución final adoptada, sen estatua, non está nin moito menos inacabada”.