Estes días podemos ollar en Vigo dúas exposicións sobre dous arquitectos que deixaron unha pegada decisiva na configuración da nosa urbe actual: Antonio Palacios e Michel Pacewicz. A primeira localizada no Museo do Mar de Galicia, a segunda no centro comercial Vialia. Malia a implicación de ambos no deseño de edificios sobranceiros no urbanismo vigués, a súa importancia vai máis alá dos estritos lindeiros locais, tanto no caso de Palacios como no de Pacewicz. Daquela, poderían aproveitarse ambas exposicións para ver de convertelas en senllos acontecementos, ao estilo do que fixeron en Barcelona hai uns vinte anos a respeito de todo un referente arquitectónico coma Gaudí.

Da importancia dos nosos creadores, en tanto que vigueses de adopción, dan conta varias publicacións escritas por especialistas coma José Ramón Iglesias Veiga, José A. Martín Curty ou Jaime Garrido. Estudosos do noso patrimonio, non sempre ben ponderado polas nosas autoridades locais.

Sirva como exemplo a diferencia que podemos detectar entre ambas citadas exposicións: mentres o legado de Palacios luce esplendoroso no Museo do Mar, a medio de planos, fotografías e textos que axudan a contextualizar a súa obra, o de Pacewicz fica esluído nun centro comercial, visible nuns paneis que apenas poden reflectir a importancia de tan sinalado arquitecto. Se cadra, é todo un reflexo do desleixo co que se trata á cultura por parte das autoridades municipais.