Ter vivido nun mundo de hai xa ben de anos no que os avances da técnica non eran aínda dominantes conformou decisivamente as mentes e sensibilidades infantís dun xeito diferente a como ocorre agora. Un noso mundo aquel que é aínda seguramente quen de soster o interior recuncho persoal de moitas das nosas provectas vidas. A natureza brindábanos en abundancia misteriosos seres, próximos a nós e porén tan distantes, que espontaneamente eran donos da arte para nós inalcanzábel de poderen desprazarse no ar, expertos en insospeitados cantares e sorprendentes comportamentos que nos abraiaban.

Chegamos así a coñecer dende moi preto as caseiras anduriñas e o seu delicado construír con lama virxe o futuro fogar das súas crías, as inquedas greas dos a nós tan próximos pardais, os atléticos cirrios donos das alturas, os pequechos carrizos de redondo e cativo fogar de musgo, os intrépidos pombos ornados de albos e relucentes torques, as rulas arrolantes e agarimosas que máis dunha vez coidei de rapaz en amplas gaiolas, os merlos debulladores de melodioso e sosegado canto, os cautos e agoireiros corvos, as sutís e campestres chías escribideiras, as montesías lavercas de ascendente e lírico cantar, os tenros e amigábeis paporrubios, os chingos ou pimpíns de fino canto tintinante, os coloreados gaios ou pegas marzas das mestas carballeiras, os cucos “ocupas” de lacónico e máxico cucar, as senlleiras curuxas compañeiras da lúa e das estrelas, as lavandeiras de fina elegancia e querenza de limpas augas ou terras labrantías, os paspallás aqueles que ceibaban o seu canto dende o agachado interior dos amplos campos de centeo, as dondas perdices que en compacta formación de súpeto nos sorprendían co seu impetuoso voo, etc. As nosas incipientes habilidades mentais medraron en boa parte nese contacto cotián e vivencial con tan indeducíbeis criaturas.

Debido a fermosuras e galanos tan incomparábeis da natureza, éranos, xa que logo, grata laboura tentarmos “seguir” o seu niño. Expresión para nós equivalente á de atopármolo, mais tras atenta e cautelosa busca e sen que tan engaiolante e fuxidío encontro provocase porén que os seus expertos autores o enxeitaran. Ollabamos así con sostida emoción na descoñecida novidade do seu secreto interior, mais sen nel alentarmos e mesmo case sen ollarmos. Segredo que loxicamente só compartiamos con contados amigos. Cando hoxe mundos e pobos nos instan á imprescindíbel e urxente atención e coido da natureza, tantas veces desprezada ou destruída, emerxen alá de novo nos recónditos fondóns da alma airexas virxes dunha infancia que nalgúns de nós por sorte aínda latexa.