Remexendo en vellos papeis que gardo, aínda sen ordenador, atopei un fax de Alfonso Álvarez Gándara do mes de outubro de 1990, di así: “Querido Pepe: o borrador que anexo dista moito de ser o último ou o penúltimo. Constitúe apenas unha aproximación; un tanteo e, desde logo, unha pequena proba de que non esquezo o compromiso de participar na redación do manifesto, segundo se deixou acordado en Rois”.

A acta da “Declaración de Rois” non relaciona as persoas que estivemos naquela histórica xuntanza celebrada nun coñecido restaurante daquel concello. Pero recordo ben a maioría: os maxistrados Claudio Movilla, Daniel García Ramos, Orencio Pérez González e Xoán X. Barreiro Prado; os fiscais Carlos Varela, Xoán Carlos Horro e Benito Montero Prego; o notario Victorino Gutiérrez Aller, Alfonso Álvarez Gándara e algúns avogados máis. A xuntanza fora promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) representada alí por Xoaquín Monteagudo e un servidor.

O proceso de normalización lingüística nos ámbitos xurídicos, xudiciais e protocolos notariais seguíu un proceso milimetricamente deseñado pola AFNLG. A imaxinación, a audacia e a constancia foron factores decisivos para o desenvolvemento do proxecto de incorporarmos a lingua galega aos usos xurídicos. Houbo que implicar a moitos profesionais e funcionarios, pero tamén ás institucións, nomeadamente a Xunta de Galicia á que lle solicitamos a creación dos servizos de tradución nas audiencias provinciais e no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Aos concellos galegos instámolos a que os recursos presentados perante as instancias xudiciais fosen redatados en galego. Alfonso Álvarez Gándara como director dos servizos xurídicos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia sumouse con entusiasmo a aquel proceso. Durante vintecinco anos foi decano do Colexio de Avogados de Vigo; sendo a lingua galega oficial nas actividades colexiais durante este longo período tempo.

Foi Alfonso un vello amigo de meu a quen coñecín en 1966, e co que percorrín os ensarillados camiños do nacionalismo. Pertencía a unha familia de galeguistas estigmatizada pola ditadura franquista. O seu avó, Darío Álvarez Limeses, foi fusilado polos militares sublevados no ano 1936 en Tui; o seu tío Xosé María, escritor e mestre, desterrado nun pobo de Zamora; seu pai, Darío, médico, salvou da execución da pena de morte a unha mestra certificando un falso embarazo, detido e encarcerado en 1947 pola súa peretenza á Unión de Intelectuais Libres. O seu irmán Álvaro, propietario da Serigrafía Galega, imprimíu os autocolantes que nos fins da década dos anos sesenta levaron centos de coches reclamando GALEGO NA ESCOLA.

O pasamento de Alfonso trae a miña memoria moitas actividades realizadas na Asociación Cultural de Vigo da que el foi presidente e eu secretario; anos transcendentais para a consolidación do galeguismo en circunstancias difíciles pero de gran entusiasmo. Xuntos participamos en diversas actividades culturais e políticas nos derradeiros anos do franquismo que non é posible enumerar neste artigo por mor do espazo dispoñible.

Teño nas miñas mans o libro En galego, agora e sempre, promovido pola AFNLG, que recolle ao pé de cen mandas testamentarias de coñecidas personalidades. Pedínlle que escribise a súa, que di así: “Pídolles á miña esposa e ós nosos fillos que conserven no fogar e que lles transmitan ós meus netos o amor que lles é debido á fala dos nosos devanceiros, o idioma no que se expresa o noso pobo dende hai preto de mil anos, o que fixo transcender, de xeración en xeración, a identidade de Galicia, a ledicia das festas, as palabras do amor paterno, materno e filial, o feitizo do achegamento dos namorados, os sabios consellos dos maiores, o consolo na dor, a grandeza das cousas miúdas nas que cavilan a cotío os homes e as mulleres e, en fin, o devir agridoce dos traballos e dos días, porque nese ser da nosa terra via a herdanza verdadeiramente perdurable que vos podo deixar”.

Velaí o seu desexo, que os fillos con afecto e circio acatamento cumprirán. Eu gardarei a memoria do vello amigo.

*Presidente do Foro E. Peinador