Nestes tempos que vivimos tan calamitosos polo da pandemia e outras cousas máis, non está mal facer unha reflexión o abeiro do que está a pasar.

Nestes días estamos a ver os atascos na autoestrada para ir poñer a vacina ó centro feiral do Ifevi de Vigo. Esta chamada masiva metendo nun funil a xente, me parece unha falta de organización pouco intelixente por parte dos responsables da xestión. Non se pode xogar coas persoas desa maneira, sobre todo cando teñen unha idade...Tamén hai que dicir que unha vez dentro do recinto, a cousa foi ben organizada, sen nada que obxectar.

Teño que criticar este asunto, porque eu sempre fun partidario de descentralizar esta clase de servizos, aínda que o custo sexa maior. Pois hai cousas coma Sanidade onde non hai que escatimar gastos. De feito está a pasar isto no servizo médico das pequenas localidades, cando se reduce o persoal e a xente está mal atendida. E non falemos das listas de espera...

Acercar a administración ó cidadán é sinal de humanismo e progreso, pero parece que vamos para atrás. Hai cousas prioritarias nunha sociedade para satisfacer as necesidades máis elementais: sanidade, educación e xustiza. Son os piares onde se sostén a verdadeira vida das persoas na convivencia feliz.

Polo tanto quero reivindicar eses servizos fundamentais preto do individuo. Iso iría a favor do humanismo de verdade. Polo contrario nos está invadindo o materialismo voraz. Búscanse beneficios pecuniarios en todas as xestións que se presenten. Reducir persoal na sanidade é grave, pois coa saúde non se fai negocio.

Tamén quero referirme un pouco ó sector privado. Quero destacar o abuso da banca. Cada vez ten máis beneficios, moitos a costa do diñeiro que se lle subvencionou a fondo perdido; pechan oficinas, aforran persoal e non hai escrúpulos...A deshumanización está a medrar. O home se engana pola súa torpeza.