Ningunha historia é perfecta e a nosa particular epopea local tampouco o é. Pese as contradicións como a de atopar no cumio do monumento da Praza da Independencia o señor Murillo que nunca loitou na Reconquista nin en nada beneficiou a Vigo ou perdurar o esquecemento do papel primordial do abade de Valladares como auténtico líder da sublevación e sitio de toda a bisbarra a por entón pequena vila de Vigo. As luces seguen sendo máis fortes que as sombras.

Esas luces permítennos clarificar a realidade ano a ano o chegar esta data, recordándonos a necesidade de autoafirmación de Vigo, xa que, por avatares históricos e políticos, a cidade olívica só se ten a si mesma. Como gran debilidade e fortaleza ao mesmo tempo.

Inimaxinable sería para calquera vigués de 1809 a idea de liberarse do exército de Napoleón. Por iso estamos obrigados a lembrar cada 28 de marzo que non todo é imposible na vida. Irreal sería para calquera vigués de 1809 comprender o que chegou a ser a cidade de Vigo na actualidade. As súas dimensións, a súa importancia económica e por poboación. Por iso nunca debemos desbotar a idea dun futuro mellor, o dun Vigo metropolitano.

O Vigo de 1809 é hoxe tan so un barrio, o do Casco Vello. Aquela bisbarra que asediaba agora é igual de viguesa ca calquera pedra do Berbés. Unha boa parte das pezas que permitan construír o novo futuro están na área metropolitana. Unha saída sur que nos proporcione centralidade, a inclusión na rede de ferrocarril atlántica europea e o inicio dun desenvolvemento definitivo da Plisan son prioritarios.

Auroras, Carolos, xente anónima ou Cachamuíñas, cada un no seu lugar, no seu papel. Reconquistarnos. Reinventarnos a nós mesmos, unha e outra vez.