A entrevista ó presidente da Comunidade de Montes de Cabral en Localia Televisión e Radio Vigo (24/10/2017) é un exemplo do que ninguén debe facer, e menos unha persoa pública como é Luís Rodríguez. Vindo de quen ven, non nos debe de estrañar, xa que a súa traxectoria política produce unha constante polémica.

Este señor pide carta branca para facer e desfacer o seu gusto, e xa decidiu fai tempo camiñar por enriba da lei, actuando o seu libre albedrío. Miren vostedes algunha das perlas que deixou na entrevista mencionada: "Es verdad que la Policía tiene que acudir, o debe acudir a donde la llamen, pero a veces se puede acudir sin hacer tanto caso".

Está aconsellando esta persoa que cando un cidadán solicita o auxilio por maltrato de xénero, agresión, roubo ou calquera outra circunstancia, a Policía mire para outro lado e non faga caso?

Outra das perlas que nos deixou a súa fachendosa verborrea populista de comportamento incívico: "Menos mal que yo en Cabral ya tomé la costumbre de trabajar, aunque me venga luego la sanción, porque si no es que sigo esperando por los permisos administrativos, a veces tardan cuatro años y aún así no los tengo, y cuando estoy haciendo los trabajos me vienen las sanciones".

Parece que esta persoa presume de non repetar as normas! Ou é que el non ten que cumprir a lei coma os demáis? O que nos ven a confirmar que a xustiza está feita para os ricos. Eles pagan as ilegalidades (neste caso o pobo), ou o político amigo arquiva o expediente e asunto resolto. Vergoñento, non lles parece?

O señor de Cabral ignora que vivimos nun Estado de Dereito, que emana da Constitución e que se fundamenta no acatamento e no respecto aos principios de legalidade. Sen lei o caos e a corrupción (aínda máis!, que barbaridade) camparían as súas anchas.

Con este "modus operandi" do presidente da Comunidade de Montes de Cabral non estraña que estea imputado nun caso de apropiación indebida e xestión desleal, no que unha nova aportación documental, admitida a trámite, acumúlase á querela da permuta de terreos nos que se construíu a nave preto do cemiterio de Lavadores.

A miña reflexión é a seguinte: atreveranse o Partido Popular e Partido Socialista de Galicia a avalar este señor imputado? Asumirán as firmas recollidas por el para a proposición non de lei de iniciativa popular para que vaia adiante Porto Cabral pola vía supramunicipal, aínda que non encaixe no fermosísimo monte de Cotogrande?

Que pasa co cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo sobre o PXOU de Vigo, e da Lei do Solo de Galicia e da Lei de Montes? É que as administracións local, autonómica e estatal tampouco van acatar as leis? Ah!, esquecía que a lei sonche eles.