Diante da marea humana que despide estes días ao líder da Revolución cubana Fidel Castro Ruz, non falta quen a compare coa que suscitou, nos días posteriores ao 20 de novembro de 1975, a morte do ditador Francisco Franco. De entrada, comparar a figura de Fidel Castro, que se ergueu contra un ditador, Fulgencio Batista, coa de Franco, que o fixo contra un réxime legalmente constituído, a II República, é de ignorantes. Non está entre as miñas preocupacións máis inmediatas cuantificar as "mareas" humanas de xente que tanto interese despertan nos xornalistas estes días, pero, por curiosidade achegueime á hemeroteca a consultar o ABC, xornal nada sospeitoso de recortar a marea que acompañou a Franco nas súas exequias; é de supoñer que para eles eses días houbo preamar. Alí atopo que entre trescentas mil e medio millón pasaron pola capela ardente, e que dende a explanada, seguiron o funeral unhas cen mil. Recollo o diálogo dun xornalista cun benedictino encargado do "Valle de los Caídos": "Padre, ¿cuántas personas cree usted que habrá aquí, dentro de la basílica, para la ceremonia del entierro del Generalísimo Franco? Y el buen padre me contestó: "Mira hijo, que yo sepa, aparte de autoridades y altos dignatarios, creo que están invitadas unas dos mil personas." Non caera na conta que, ademais, este tipo de eventos, por esta parte do mundo, fanse con invitación. Non vaia ser o demo...

Tendo en conta que nos 70 a poboación do Estado Español ascendía a uns 34 millóns de persoas, non me parece tanta marea humana como agora algúns nos queren facer crer. Cuba conta cuns 11 millóns de habitantes e di "La Vanguardia" (xornal bastante lonxe de ser considerado comunista ...nen sequera esquerdista) que máis de seis millóns lle renderon tributo (só dous millóns ateigaron a Praza da Revolución). Quen queira e teña interese, que faga a porcentaxe. Mercedes Santiago.