Vigo viviu, non só unha das manifestacións máis masivas dos últimos anos, senón tamén das máis importantes. Xente de todos os concellos afectados pola xestión do novo hospital de Vigo unimos a nosa voz para que chegase até San Caetano. Xa esta ben de xogar coa nosas vidas, coa nosa sanidade. Non o imos a seguir permitindo, e queiran ou non, terán que escoitarnos.

Foi un día que perdurará na memoria colectiva. Había autobuses organizados dende todos os concellos, xa fose por partidos, asociacións moi diversas ou os propios gobernos municipais, eu fun nun deles. Aínda que quizais o caso máis destacable fose o de Salvaterra, onde o propio goberno local do Partido Popular puxo tres dos oito autobuses que saíron da nosa vila. Acompañados tamén por tres concelleiros do PP que acudiron á manifestación, entre a que destaca a tenente-alcalde Marta Valcárcel, deputada no Parlamento Galego na etapa 2009-2012 e vogal do Comité Executivo do PP de Pontevedra.

Moitos veciños e veciñas amósanse orgullosos polo proposta do noso alcalde, Arturo Grandal(PP) e de Marta Valcárcel(PP), por poñer as persoas por diante do partido.

Porén, as veces facer memoria é máis importante que fretar autobuses. Non está pasando nada que non souberamos, simplemente, agora estanos pasando a nós e aos nosos familiares, xa é unha realidade. Dende o ano 2009, sindicatos e traballadores sanitarios estiveron practicamente sós, nunha loita que aínda moitos non comprendían. Organizando concentracións, incluso paralizando as obras do novo hospital por explotación laboral. Avisando por tanto dos perigos que xa estaba xerminando a privatización.

Foi precisamente no ano 2009, cando Feijoo chegou á Xunta desbancando ao bipartito que decidiu abandonar a financiación e xestión pública por un modelo de financiación e xestión privada importado de Madrid e Valencia. As decisións políticas teñen consecuencias reais, tamén para a nosa saúde.

Agora, co novo hospital xa "rematado",cunha xestión pésima grazas ao PP e aos deputados do seu partido que apoiaron o sistema de financiación e xestión privada, entre eles Marta Valcárcel. Agora, que ven que o PP xa non está na Deputación de Pontevedra para ter liña directa, agora que o PP non pasan polo seu mellor momento, intentan lavar a súa imaxe enganándonos cando eles son os responsables directos. Cando pediron o voto no ano 2009 o pediron tamén sabendo as consecuencias que ía dar este novo modelo de clientelismo-político.