Tribuna del lector
Bruno que terá vinte anos no ano 2030
Xulián Maure*
Alain Tanner en 1976 dirixiu a película "Jonas qui aura 25 ans en l´an 2000". Vinte e cinco anos máis tarde un profesor de matemáticas, o catalán Ramón Espelt, escribiu "Jonás cumplió los 25: la educación formal en el cine de ficción, 1975-2000". Na película había unha crítica ó sistema escolar que seguía instaurado en Francia despois das protestas de maio do sesenta e oito. No libro hai unha análise de trescentas películas que tratan de escolas, métodos e profesores. Os dous títulos fanme pensar no futuro dos meniños que lles tocou nacer agora en Galicia.
Estamos no 2013 e Bruno aínda non fixo os tres anos. -Por que choras, Bruno? -Manqueime. -A ver, onde foi? -Aquí, no xeonllo. Bruno está falando coa nai e se fose co pai faríao en catalán. Vive cos seus pais en Vigo e unha ou dúas veces ó ano vai onde os "iaios" e volve falando máis catalán. El di que na gardería hai moitos nenos que so saben falar dunha maneira e que el para algunhas cousas xa sabe tres nomes. Aprender tanto non lle custou nada, pois a esa idade tódolos nenos teñen moita habilidade para repetir o que oen.
Os pais de Bruno son fillos dos da xeración do sesenta e oito, son do tempo do Jonás da película de Tanner, son universitarios, saben idiomas e gústalles viaxar. A súa xeración en Galicia puido formarse con certo aprecio e valoración da súa lingua galega e non son poucos os que queren manter ese patrimonio lingüístico que tan ben lles preparou a cabeza para aprender outras linguas europeas e poder transmitírllelo ós fillos
O próximo curso Bruno encetará a súa educación infantil e terá que someterse á pobreza do monolingüismo na lingua propia de Castela, porque, segundo o decreto de plurilingüismo dos que agora están na Xunta, a lingua propia de Galicia non fai moita falta na educación infantil, nin serve para as matemáticas en secundaria.
O decreto que regula este raquitismo escolar antipedagóxico foi anulado en parte polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ante os recursos presentados pola Real Academia Galega, A Mesa, Queremos Galego e os sindicatos CIG, CC OO e STEG. O presidente de Goberno dos galegos quere recorrer estas sentenzas do Alto Tribunal de Galicia ante o Tribunal Supremo en Madrid. Esperemos que a Real Academia Galega, que, presidida polo doutor Méndez Ferrín, presentou o seu recurso contra o decreto falsamente chamado de plurilinguismo, saiba seguir defendendo a riqueza e saúde lingüísticas das novas xeracións de galegos.
É triste que tódolos Brunos, e sobre todo os non Brunos, de Galicia poidan ver diminuídas as súas capacidades cerebrais pola ignorancia paterna involuntaria ou pola intentada doma política dun partido no poder. A familia de Bruno espera que cando teña vinte anos, e a maioría dos seus coetáneos, saiban libremente vivir cos seus xeonllos ben postos para non ter que axeonllarse ante os poderes que lles queiran impoñer o seu imperio.
*Doutor en Filosofía e Letras
- Una playa de Galicia se cuela en el ranking de las 50 mejores del mundo en 2025: es la única de España en la lista
- Una mujer sobrevive al impacto de un rayo que mató a 22 de sus vacas en Rodeiro: «El trueno fue tremendo, un gran susto»
- Una vecina de Aldán, mordida por una serpiente en la mejilla
- Desaconsejan el baño en la nueva playa de Vigo con bandera azul
- Una enfermera de un hospital de Ourense se enfrenta a 3 años de cárcel por cotillear un historial: «Fue curiosidad»
- Micosis fungoide: así es el cáncer raro que se confunde con otras enfermedades de la piel
- Sabotaje a Mi Vestidor Azul
- El juzgado saca a subasta el edificio de Travesía que lleva años abandonado